O colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG intensifica a recollida de sinaturas pola atención presencial
O colectivo de persoas pensionistas e xubiladas da CIG está a intensificar a recollida de sinaturas para entregarlle á Valedora do Pobo reclamando que se garanta atención presencial nas oficinas da Seguridade Social; nas administracións públicas galega, estatal e local; na sanidade pública; e nas oficinas bancarias. Esta iniciativa fai parte da campaña posta en marcha recentemente para denunciar a exclusión dixital á que se está abocando a unha parte importante da poboación.
Deste xeito, nos vindeiros días instalaranse mesas en localidades como Pontevedra, Ourense, Lugo, Ferrol Cangas e A Coruña para continuar a recoller apoios, tal e como fixeron o pasado xoves 16 coincidindo coas mobilizacións que levaron a cabo diante das sedes do INSS nas sete cidades.
En Pontevedra e Ourense a recollida de sinaturas terá lugar este xoves 23, no primeiro caso na feira de Marín a partir das 11:00 horas, mentres que no segundo será no centro de saúde Valle Inclán de 11:30 a 13:00 horas. No caso de Lugo a cita é o venres 24 na Praza Maior de 11:00 a 13:00 horas.
Para o martes 28 están previstas instalacións de mesas diante da delegación da Xunta en Ferrol ás 10:15 horas, a carón da praza de abastos de Cangas ás 11:00 horas e no barrio coruñés de Monte Alto a partir das 18:00 horas.