O colectivo de xubilados/as e pensionistas mobilizarase novamente o vindeiro día 3 de marzo

Denuncian as políticas e medidas que empobrecen e precarizan as súas vidas
Nacional - 28 Feb 2022

O colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG volverá mobilizarse o vindeiro xoves, día 3 de marzo, nas sete cidades galegas, para denunciar que por mor da reforma laboral, dos abusos da banca, da falta dun servizo público de atención ás persoas e das deficiencias da sanidade pública que dificultan garantir unha atención sanitaria digna as súas vidas están cada vez máis empobrecidas e precarizadas.

Mobilizacións previstas

Ferrol ás 11:30h, diante do INSS

Pontevedra ás 11h, Praza da Peregrina

Ourense ás 11h, diante do INSS

Lugo ás 11:30h, diante do Concello

Vigo, ás 11h, cruce Colón –Urzaiz

Santiago, ás 11h, Praza do Toural

A Coruña, ás 11h, Subdelegación do Goberno

A reforma das pensións non garante o poder adquisitivo

O colectivo lembra que as persoas pensionistas foron mantendo o seu poder adquisitivo entre 2018 e 2021 grazas á mobilización social. Sinalan que as pensións viñan incrementándose en xaneiro, de acordo coa previsión de IPC do goberno central e que, a principios do seguinte recuperábase a desviación entre o IPC previsto e o do mes de novembro mediante o que cualifican de “paguiña”, que ademais se incluía na base das pensións.

Este sistema permitía resistir a inflación, mais agora a nova lei preséntase como continuadora do sistema, pero “con trampa”, advirten. Nese sentido denuncian que “o índice de revalorización xa non vai ser o IPC interanual acumulado”, senón o IPC medio.

Denuncian que, como consecuencia deste “truco” as pensións de 2021 perderán un poder adquisitivo do 4% (6,5%-2,5%), dado que a lei non recolle a “paguiña” compensatoria. E a partir de 2022 aplicarase o IPC medio, de modo que a perda de poder adquisitivo pode cronificarse, porque a revisión das posíbeis desviacións do IPC só vai facerse cada cinco anos (non anualmente) e non é obrigatoria.

Abusos da banca

 

 

O colectivo denuncia ademais que “como consecuencia do proceso de agresiva dixitalización no que está inmersa a banca, no seu descontrolado e insolidario afán por xerar beneficios a costa do que sexa”, están a sufrir a redución dos horarios de atención presencial para certas operacións, o peche de oficinas (despedindo traballadoras e traballadores) e o cobro de comisións abusivas, entre outras cuestións.

Entenden que estas restricións de servizos e o seu encarecemento “teñen como obxectivo expulsar dos bancos as persoas menos rendíbeis, demandantes de servizos presenciais”, e que a falta de medidas, polas distintas administracións, está levando á exclusión financeira a cada vez máis poboación. Denuncian que, malia isto, “os bancos reciben inxentes axudas públicas”.

Explican que isto, que afecta a toda a poboación, faino de xeito máis grave ás persoas que viven no rural e ás xubiladas e pensionistas porque “como pensionistas estamos na obriga de ter conta bancaria para poder cobrar as nosas pensións” e que mentres “cos nosos cartos, a banca especula e obtén beneficios”, para este colectivo “todo son trabas”.

Consideran que a actual situación é consecuencia directa da privatización das caixas de aforros, que naceron para garantir a inclusión financeira. “Desa privatización, e a restruturación bancaria posterior, as galegas e galegos somos vítimas principais: restricións horarias, peches de oficinas en zonas rurais, cobro de elevadas comisións”.

Servizo público de atención ás persoas

 

 

 

Galiza padece as segundas pensións máis baixas do Estado e, dada a falta de recursos públicos, isto fai que moitas persoas non poidan acceder aos servizos de atención, condenando unha vez máis as mulleres a seguiren exercendo de coidadoras.

Por iso reclaman cambios nas políticas de atención ás persoas e súmanse á proposta da CIG dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas que aglutine as actuais residencias, centros de día, servizos de axuda no fogar “de xeito que todas as galegas e galegos vexan cumprido o seu dereito a unha vida digna cando as súas circunstancias lles impiden poder facelo autonomamente”.

De aí que reclamen do goberno da Xunta o aumento dos orzamentos destinados á atención á dependencia e o incremento na dotación de prazas públicas de centros de día e residencias. Así como que se incorpore o servizo de axuda no fogar a un ente público galego que permita rematar coas miserentas condicións laborais e salariais das mulleres que desempeñan este traballo de coidados cada vez máis necesario.

 

Sanidade Pública de calidade

 

 

 

Canda isto demandan unha atención digna ás persoas, sobre todo nos momentos nos que son máis vulnerábeis e reclaman unha atención sanitaria “o mellor posible”, prestada desde unha sanidade pública forte, con persoal e infraestruturas suficientes e adecuadas.

Lembran que coa chegada da pandemia puxéronse en evidencia as carencias que o seu progresivo desmantelamento provocou e que foron as e os profesionais “quen sostiveron co seu esforzo e a custo moitas veces da súa propia saúde a atención sanitaria durante estes momentos tan críticos”. E responsabilizan ás políticas privatizadoras do Partido Popular das enormes listas de agarda, mesmo na Atención Primaria; da falta de profesionais; do peche de centros ou mesmo da suspensión de intervencións, entre outras.