O comité cualifica de "decepcionante" a reunión de convenio con Albada, que teima en bloquear a negociación

A Coruña - 14 Dec 2022

Despois das tres exitosas xornadas de folga secundadas polo persoal de Albada a semana pasada, este mércores estaba convocada unha nova reunión para seguir negociando o convenio colectivo. Porén, malia as expectativas da parte social, o encontro foi cualificado como "decepcionante" por parte do comité xa que non serviu para desbloquear a situación.

A empresa, dende o primeiro momento, ratificouse na proposta realizada en novembro (que supón manter os salarios conxelados até 2028 e non recuperar os dereitos previos), a pesar de que a parte social lle trasladou unha nova proposta co obxectivo de avanzar nun acordo que permitira recuperar o poder adquisitivo dos salarios.  Pois non hai que esquecer que o persoal de Albada leva cos soldos sen actualizar dende o ano 2012.

O comité considera irresponsábel esta actitude da empresa, xa que non só mantén a oferta económica nos mesmos parámetros que o primeiro día, senón que ademais coloca unha próxima reunión para o 27 de decembro, evidenciando a pouca vontade que ten de solucionar este conflito no curto prazo.

Material acumulado fóra das naves que non se pode tratar

Un conflito que xa provocou que a planta teña nestes momentos uns 1500 metros cúbicos de material acumulado por fóra das naves que non pode ser tratado e que permanece ao descuberto, sendo un foco de insalubridade localizado ao pé dos vestiarios, que ademais está xerando lixiviados e problemas medioambientais.

Máis unha vez, os traballadores e as traballadoras de Albada son reféns do Concello da Coruña e da empresa, nunha perversa dinámica que se vén repetindo negociación tras negociación.  O comité rexeita esta disputa permanente entre a administración e a empresa cando hoxe mesmo se publicou o anteproxecto para a licitación do novo contrato de explotación da planta de Nostián e nin sequera están garantidos os dereitos económicos e sociais do persoal.

Polo tanto, neste contexto, o persoal non descarta continuar coas mobilizacións, incluída a convocatoria de folga, en defensa dun convenio colectivo digno que recupere os dereitos roubados e garanta o mantemento do poder adquisitivo dos salarios.