O comité da planta de lixo de Lousame reclama a intervención da Xunta garantindo o actual modelo

Convoca unha manifestación para o vindeiro domingo 29 en Porto do Son
Compostela - 26 Ago 2021

O comité da Planta para Tratamento e Recollida de Lixo da Mancomunidade do Barbanza convoca para o vindeiro domingo, día 26 de agosto, unha manifestación en Porto do Son. Así o explicaron os representantes das centrais sindicais CIG, CCOO e UGT, que compareceron esta mañá en rolda de prensa, xunto co comité en pleno, para demandar da Xunta de Galiza a súa intervención respectando o modelo que ten na actualidade. Un modelo que se axusta as directrices da UE e que é viabilidade.

Segundo explicaron, a planta de Lousame, xestionada por FCC, arrastra toda unha serie de problemas derivados da xestión dos 6 concellos que forman a mancomunidade e dos 3 adheridos. “Non crearon unha estrutura, non contaban cunha persoa responsable para a súa xestión.  Teñen unha presidencia rotatoria. Cada ano tocáballe a un alcalde e cada alcalde utilizaba á secretaria ou secretario do concello ou a persoal propio do concello para facer fronte á xestión cotiá: facturas, investimentos, seguimento do cumprimento do contrato por parte de FCC…”.

Ao seu entender, ao non se facer cargo ninguén, “sen previsión de gastos e sen xestionar o contrato como deberían comezaron a aparecer os problemas” entre os que apuntaron a gran débeda xerada, que a partir do sétimo ano derivou en problemas de pagamento. “Non quixeron actualizar as subas que lle tiñan que aplicar a FCC, entre elas as derivadas dos custos laborais. Foron a xuízo e evidentemente perderon”.

Lembraron que a partir de aí  empezouse a xudicializar toda a relación coa empresa que se foi deteriorando co paso dos anos, o que se traduciu nunha acumulación de xuízos perdidos pola mancomunidade.

Desleixo na xestión

Como exemplo dese desleixo na xestión apuntaron o estado dos camións, que tiñan unha duración prevista de 10 anos e que, segundo figuraba no contrato asinado con FCC, a mancomunidade tiña que facerse cargo de os renovar. “Pasaron 10 anos e decatáronse de que non tiñan feito a previsión de fondos para os camións. De aí que dos 10 anos para aquí, a medida que os camións tiñan máis anos e as lóxicas avarías, empezaron a deteriorarse máis, a ter problemas de recollida e tiveron que solicitar créditos e axudas á deputación”.

Tamén para exemplificar a situación da planta sinalaron os problemas das instalacións, que teñen 20 anos e requiren unha actualización. “Teñen estragada a volteadora do compost desde hai aproximadamente 5 anos, o que impide facer compost de calidade. Teñen que mercar unha volteadora nova, o que non se fai por falta de investimento”.

No mesmo sentido describiron o estado do vertedoiro que estaba previsto para o período de vixencia do contrato, 20 anos. “A cuestión é que durante o confinamento se incrementou de forma exponencial a cantidade de lixo durante a pandemia e, por riba, estivo 3 meses sen tratarse, porque o persoal non ía traballar en planta, só se recollía”.

Todo ese lixo entrou, segundo explicaron, no vertedoiro, o que provocou que hoxe teña 25.000 toneladas máis das que debería ter cando foi deseñado. “Está pendente o seu selado e a apertura da última cela, o que lle daría para dous anos máis, sen que teñan, de momento, autorización para facer un novo, onde se metería o material rexeitado logo do proceso de selección de residuos”.

Planta de transferencia de Sogama

Diante desta situación, o persoal teme que de cara ao novo concurso, previsto para o ano 2023, pretendan converter a planta de tratamento de lixo de Lousame nunha simple planta de transferencia de Sogama. “Deixaríase de facer a selección manual de residuos que se fai agora, cargaríanse dúas quendas, e levarían todo o material rexeitado, tras facer a selección básica en Lousame, a queimar en Cerceda”.

Isto suporía unha importante redución do persoal na planta na que traballan, na actualidade, unhas 160 persoas das que o 60% son mulleres.

Por iso reiteraron que foi o modelo de xestión de residuos o que situou á planta de Lousame como a de maior porcentaxe de reciclaxe do Estado español e entre as primeiras de Europa, e que camiñar cara ese outro modelo desvirtuaría totalmente o concibido para esta planta. Ademais, subliñaron, “a Xunta está moi lonxe de cumprir coas directrices da UE e a partir de 2022 empezarán a ter sancións polas porcentaxes de orgánico que non se trata en sitio ou que non se fai compost”.

Intervención da Xunta

Aínda que xa remitiron á conselleira unha solicitude de entrevista para solicitarlle a súa intervención, co obxectivo de que, de cara ao novo concurso, se contemple o novo vertedoiro para material rexeitado; que se chegue con Sogama a un acordo para que se poida levar alí, unha vez se realice en planta a selección manual; que se axeiten mellor as instalacións para facer compost, incluíndo a compra dunha volteadora; que se planifique a renovación da flota de camións e que se retomen as campañas de sensibilización nos concellos sobre a selección de residuos en orixe porque “un mal depósito do lixo en orixe dificulta e encarece enormemente a elaboración de compost, ademais de provocar que sexa de peor calidade”.

Entenden que a actual situación é consecuencia da deficiente xestión  desenvolvida o que fai necesaria a intervención dunha segunda administración, que se nomee unha persoa para a xestión, que haxa un corpo directivo e unha mínima estrutura da mancomunidade.

De non ser a Xunta, o comité entende que debería ser entón a Deputación, que ten competencia en residuos sólidos urbanos, como ocorre coa de Pontevedra, que agora está desenvolvendo un plan de composteiros caseiros de compost en orixe.