O comité da planta de Nostián vixiará que se cumpran todas as condicións laborais e salariais do convenio colectivo

A Coruña - 30 Set 2026

O comité da planta de tratamento de residuos de Nostián saúda que se avance no proceso de licitación do novo contrato e que unha empresa teña presentado oferta, pero advirte que estará vixilante no cumprimento íntegro do convenio colectivo e para que se apliquen as táboas salariais de 2027 desde o xaneiro, independentemente de que haxa nova xestora ou non.

O comité considera unha nova positiva que exista agora unha empresa interesada en xestionar a planta. Porén, tras anos de atraso na publicación dos pregos, "de sufrir conxelación salarial e unha merma de dereitos, do deterioro progresivo das instalacións e mesmo de que se teña posto en cuestión o modelo Nostián, o persoal quere deixar claro que exixirá o cumprimento de todas as condicións recollidas no convenio colectivo, con especial atención ás melloras económicas que ficaron adiadas á adxudicación do novo contrato do servizo", aseveran.

Por iso, a representación social incide na urxencia de acortar os prazos da adxudicación ao máximo, "porque isto permite que o persoal se acolla canto antes aos novos dereitos, minimiza a degradación das instalacións e mellora a reciclaxe".

Respecto a todas as obrigas dos pregos de condicións

De igual xeito, o comité permanecerá atento a que se respecten todas as obrigas recollidas nos pregos de condicións, que blindan as condicións socio-económicas do persoal ao incorporar o convenio colectivo; así como outras demandas recollidas nos pregos relativas ao mantemento dos postos de traballo. Destacan que conseguir estas garantías é o froito da mobilización e da loita permanente do conxunto das traballadoras e traballadores de Nostián "que non van renunciar agora aos seus dereitos".

Neste senso,  e atendendo ás problemáticas acumuladas ao longo destes anos, o comité "estará moi atento tamén ante calquera actuación que comprometa a viabilidade da propia planta ou a continuidade dos empregos e a actividade".

Finalmente, o comité insta o Concello da Coruña, á Mancomunidade e á próxima xestora da planta a que fagan unha aposta clara na defensa do modelo de tratamento de residuos de Nostián, baseado na reciclaxe e na recuperación, fronte a outros modelos menos respectuosos e sostíbeis, baseados na incineración.