• Nova

O comité de Albada convoca mobilizacións ante o atraso inxustificado dos pregos da nova concesión

Alertan do deterioro da planta de Nostián, os baixos niveis de reciclaxe e a perda de dereitos laborais e salariais
A Coruña - 29 Mar 2021

O comité de Albada compareceu esta mañá en rolda de prensa para anunciar a convocatoria de mobilizacións polo atraso na elaboración dos pregos da nova concesión, o deterioro progresivo das instalacións por falta de mantemento e a perda de dereitos que sofre os traballadores e traballadoras, que levan dende decembro de 2019 sen convenio colectivo, logo das manobras da empresa para forzar que decaera. As protestas, ás que non descartaron darlle continuidade cun calendario de accións máis contundentes, terán lugar o mércores 31 de marzo e o xoves 8 de abril, con cadansúa concentración ás 09:30 horas diante do Concello da Coruña.

Os representantes do persoal subliñaron que, despois de transcorridos dous anos, seguen sen saber cando sairá a nova licitación, se os pregos incluirán as garantías laborais, sociais e de emprego comprometidas tanto polo anterior goberno da Marea como polo actual do PSOE, ou cal é o modelo de planta de tratamento de residuos que quere o executivo local.

Garantías sociais, salariais e de emprego

A este respecto, Hadrián Canosa, delegado da CIG, lembrou que en abril de 2019, a anterior concelleira de medio ambiente asinou co comité un compromiso no que se recoñecían unha serie de garantías a incluír no novo prego para o mantemento das condicións laborais, salariais e sociais, continuidade da totalidade dos empregos, cobertura de vacantes, estabilización do persoal eventual, recoñecemento do dereito á subrogación para o persoal das empresas subcontratadas de mantemento ordinario  ou labores de xestión dos puntos limpos, así como para renovación da maquinaria "que está nunha situación calamitosa".

Acordo que asumiu a actual concelleira do PSOE, Esther Fontán, engadindo dous novos puntos ao documento -sobre a ampliación dos vestiarios e a posta en marcha de dúas liñas de transporte colectivo- e comprometéndose a sacar os pregos antes do remate da concesión. "Mais aquí mentiunos, porque levamos desde o 1 de xaneiro do 2020 traballando nunha empresa que está nunha situación de prórroga forzosa. A concelleira leva un ano e catro meses de retraso no seu compromiso", denunciou Canosa.

"Traballamos no lixo, non somos lixo"

Neste tempo, engadiu, foron variadas as escusas que se trasladaron dende o goberno para xustificar este atraso "pero xa está ben, xa estamos fartos e cremos ademais que non somos merecedores deste trato por parte do Concello. Non somos lixo, traballamos no lixo, que é diferente. Queremos que o prego de condicións saia xa. Queremos saber a data certa e queremos que sexa unha data próxima no tempo. Porque queremos facer uso dos nosos dereitos, que están ademais asinados polo goberno municipal", aseverou o representante da CIG.

Durante os 20 anos de concesión, e todo o que levamos de prórroga, nunca se vendeu nin un só quilo de compost"

Nesta liña, subliñou que o persoal xa está afeito a que a empresa concesionaria "nos maltrate", polo que lle pediu o Concello "que non se mimetice" coas actitudes da patronal e atenda con urxencia as reivindicacións sociais. Demandas que, apuntou Canosa, non só afectan ao persoal da planta de Nostián, senón que repercuten sobre o conxunto da cidadanía pois "a situación das instalacións é lamentábel" e non está a cumprir o seu obxectivo en canto aos niveis de tratamento e reciclaxe de residuos.

Así, Hadrián Canosa expuxo polo miúdo as eivas da planta, a comezar polo selado de vertedoiro que, malia existir unha sentenza condenatoria, a empresa segue acometer e que, por tanto, "xera gratuitamente lixiviados que se verten no mar". Xunto a isto, denunciou que a primeiros deste ano se produciu unha fenda nun biodixestor que o mantén paralizado e descoñécese que solución se lle vai dar.

Tamén advertiu que chove dentro das naves, sobre cadros eléctricos, sobre puntos de luz, e sobre as zonas de paso; e que hai pouco caeu un falso teito dunha oficina, "que por escasos segundos non alcanza a un traballador". Xunto a isto subliñou que a limpeza das instalacións é moi deficiente debido ao estado das cintas transportadoras.

Toda a materia orgánica, para o vertedoiro

Pero se cadra, máis gravidade revisten aínda os continuados incumprimentos da concesionaria en canto os niveis de recuperación e reciclaxe. "A maior parte do tempo hai unha única persoa por cinta recuperando materiais. Escápase o cartón e o plástico para o vertedoiro, por que non hai persoal para recollelo. Esta situación repercútenos a todos e a todas: o persoal, porque nos diminúe a produtividade, e ao conxunto da cidadanía, porque tamén afecta as arcas municipais xa que o Concello cobra unha cantidade ben xenerosa pola recuperación dos materiais vinculados ao convenio de ECOEMBES".

A maiores, Canosa alertou que a nave de compostaxe "está toda remendada", e que incluso unha parte das súas instalacións "se inutilizaron e xa nin se arrancan". Neste senso lembrou que, a pesar de que os veciños e veciñas separan a materia orgánica nos seus domicilios "toda a materia orgánica vai para o vertedoiro e supón arredor do 40% dos residuos sólidos urbanos que entra na planta. Durante os vinte anos de concesión, máis todo o que levamos de prórroga, nunca se vendeu nin un só quilo de compost", aínda que este era a gran proposta do goberno municipal do PSOE que puxo en marcha as instalacións hai máis de dúas décadas.