O comité de EMAFESA critica a parálise do convenio e demanda que tamén se rescate ao persoal da precariedade

Consideran a ampliación da participación pública na empresa “unha oportunidade perdida” para avanzar na remunicipalización do servizo
Ferrol - 24 Set 2025

O comité de EMAFESA compareceu este mércores en rolda de prensa para denunciar o bloqueo na negociación do convenio colectivo e anunciar a convocatoria dunha concentración para ás 18h deste xoves, 25 de setembro, coincidindo co pleno municipal ao que se levarán os cambios estatutarios na empresa para ampliar a participación pública.

A representación social alertou da situación precaria na que se atopa o persoal a causa da parálise na negociación do convenio colectivo, da que acusan ao Concello de Ferrol, socio maioritario de EMAFESA (empresa mixta que xestiona o servizo de auga). Lembran que a perda de poder adquisitivo “é unha constante” porque os incrementos pactados nunca chegan a compensar a suba real do custe da vida e calcularon que nos últimos anos o persoal perdeu arredor do 13% do seu poder adquisitivo.

Por iso, ante o anuncio do rescate financeiro da empresa por parte do Concello, reclamaron tamén o rescate económico das traballadoras e traballadores que fan posíbel que o servizo funcione cada día do ano.

Para o comité, esta ampliación de capital pola que a administración municipal pasará a ter máis do 93% da sociedade “constitúe unha oportunidade perdida” para avanzar na remunicipalizacion do servizo e na súa organización directa, xa que esta modificación non implica un cambio na xestión da empresa.

O secretario comarcal da CIG-Servizos, Francisco Cartelle, incide na evidencia de que a xestión da parte privada “durante todos estes anos, foi nefasta, e levou a empresa a unha situación técnica de disolución que fai que agora haxa que reflotala con cartos públicos”.

Neste contexto, a representación do persoal valora negativamente esta modificación que segue deixando a xestión nas mesmas mans que estaba e “que non contempla tampouco ningún tipo de mellora para os traballadores e traballadoras”. “Ao final, denuncia Cartelle, estase rescatando unha sociedade pero non se resolve a precariedade do persoal que leva moito tempo cos salarios conxelados”.