O comité de empresa de IROSA consegue que se adiante o incremento salarial de 2023
O comité de empresa de IROSA, do sector da louxa en Valdeorras, que dá emprego a máis de 250 persoas, e no que a CIG ten maioría, pactou coa dirección da mesma adiantar o incremento salarial que debería operar a partires de xaneiro de 2023, de xeito que xa se está aplicando desde mediados deste ano 2022.
O convenio do sector foi asinado por UGT, ao que acusan de ser un “sindicato lacaio da patronal da Pizarra”, cun aumento do 1,75 % para este ano e do 2 % para o ano próximo, o que condena a preto de 2.500 traballadores a perder considerablemente o poder adquisitivo do seu salario, xusto nun tempo no que a inflación bate rexistros nunca vistos nas últimas catro décadas, cando o sector está incrementando considerablemente as súas ventas no exterior e, xa que logo, os seus beneficios.
A CIG xa denunciara no seu momento o “entreguismo da UGT”, por non teren dubidado, nos últimos anos, “en traizoar aos traballadores da louxa, empobrecéndoos no económico e arrebatándolle conquistas no social”. Razóns polas que a central sindical non asinou o convenio. Un dano que, lamentan, “está feito e resulta nestes momentos irreversible”.
Porén, dentro da súa marxe de actuación, o comité procurou incidir para que a perda económica para os traballadores sexa menor e manifesta a súa satisfacción polo acordo acadado en IROSA, unha das empresas máis importantes do sector, que consiste en anticipar o incremento previsto para o ano 2023, para mediados deste ano 2022.
Deste xeito, desde xuño o salario dos traballadores e traballadoras incrementouse na porcentaxe do 2 % prevista para 2023, o que representa, no que resta de ano, un total de 196,14 € para, por poñer un exemplo, o posto de labrador ou serrador.
A CIG celebra esta mellora conseguida polo comité de empresa, e valora o esforzo de IROSA, que non estaba na obriga legal de adiantar o incremento.
Considera que este caso vén demostrar que unha representación sindical forte e comprometida, é quen de mellorar as condicións de vida das persoas traballadoras.
Por iso afirma que “temos a posibilidade de cambiar a representación sindical que negocie o próximo convenio da Pizarra, prevista para 2024”. No que resta de ano, e durante 2023, vanse renovar os comités de empresa nun novo proceso de eleccións sindicais. “É aí onde podemos desterrar o sindicalismo amarelo e vendido que representa actualmente a UGT, e apostar por un sindicato forte, firme, comprometido e honesto. Está nas nosas mans”, conclúe.