O comité de Isidro 1952 estuda mobilizacións en defensa do emprego e para esixir un plan de viabilidade

A representación social descoñece aínda o alcance do ERE anunciado

A Coruña -

Ante o anuncio de Isidro 1952 aplicar un ERE de extinción e unha modificación substancial das condicións salariais e de traballo, o comité non descarta iniciar un calendario de mobilizacións e folgas para esixir solucións á crise que carrexa a compañía a causa da débeda económica e da nefasta xestión dos directivos, e para que se garanta o mantemento dos 225 empregos actuais e o futuro da actividade produtiva.

Dende o comité de empresa quérese denunciar a actitude da dirección que informou antes os medios de comunicación que á representación social da súa intención de aplicar un expediente de regulación. E iso que o mércores pasado, a unha da tarde, a empresa dirixiuse ao comité para comunicar a decisión unilateral de fraccionar o pago das nóminas en catro prazos, mais sen facer nin unha soa mención ao ERE.

Isto demostra a falta de boa vontade por parte da dirección tanto co comité como co cadro de persoal, que dende hai tempo está sufrindo as consecuencias da mala xestión patronal. Nestes momento, a representación social descoñece cal é o alcance do ERE e está á espera de que se lle traslade toda a documentación pertinente, especialmente o plan de viabilidade para garantir a continuidade dos empregos e da produción.

O ERE extintivo afectará a unha parte aínda sen determinar dos traballadores/as dos seis centros que ten a empresa: fábrica de conxelado, ultraconxelado e fabricación de produtos do mar do Polígono do Espírito Santo; piscifactorías de troitas de Carballo, Baio e Louro; criadeiro de rodaballo de Lorbé; e criadeiro de ollomol de Valdoviño. Para xustificar esta medida, Isidro 1952 alega causas económicas e produtivas e a maiores do ERE que aplicar unha modificación das condicións salariais e laborais (xornada, quendas e funcións) ao persoal non afectado pola regulación.

A empresa arrastra problemas económicos dende hai anos

Non hai que esquecer que a empresa vén arrastrando problemas económicos dende hai anos, concretamente dende a posta en marcha do centro de traballo do Espírito Santo, que supuxo unha inversión de máis de 100 millóns de euros (dos que a Xunta achegou uns 20 millóns). Ese punto marcou o inicio da acumulación da débeda actual da empresa, da que agora ten que afrontar o pago de 25 millóns de euros.

No seu momento, explican dende o comité, catro directivos fixéronse coa antiga Isidro de la Cal, facéndose cargo  tamén da débeda que arrastraba. "Logo do cambio de propiedade, as nóminas pagábanse correctamente, pero hai cousa dun ano e medio comezou a haber atrasos no ingreso dos soldos", sinalan. Esta situación corrixiuse durante unha temporada até que volveron as demoras e o comité tivo que chegar a un acordo coa empresa para dar facilidades e que se fixera o ingreso das nóminas en dous pagos.

Pero a empresa tamén incumpriu este acordo e, de maneira unilateral, o pasado mércores "comunicaba que vai fraccionar o pago dos salarios en catro partes dentro do mes. Unha decisión que choca coas astronómicas retribucións dos catro directivos que superan o medio millón de euros anuais".

A falta de liquidez da empresa levou tamén a que non se poida adquirir materia prima para producir, agravándose así os problemas. De feito, a compañía compra ao día e non pode negociar prezos das materias primas para ofrecer un produto final máis competitivo.

Diante desta cúmulo de despropósitos e mala xestión, o comité xa está valorando un calendario de accións e non descarta a convocatoria de folga en defensa dos empregos e para esixir solucións que garantan a viabilidade da empresa.

Volver