O comité de Urbaser reclámalle ao Concello de Santiago que vixíe o cumprimento das condicións da contrata

Advirte da falta de persoal, do mal estado da maquinaria e do traslado de efectivos para facer traballos noutros concellos
Santiago - 31 Xul 2020

O comité de Urbaser esixe do Concello de Santiago que asuma, como titular da contrata pública, as súas responsabilidades e vixíe que se cumpren os pregos de condicións do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria. Neste último ano, a representación do persoal púxose en contacto en varias ocasións coa concelleira do departamento, Mila Castro, que pedirlle tomara medidas de cara a garantir a prestación adecuada do servizo e ante a necesidade de incrementar a limpeza, tendo en conta a emerxencia sanitaria que estamos a vivir.

Pero a día de hoxe, "a concelleira non demostrou ningún interese en coñecer como está a situación real do servizo e nin sequera respondeu á solicitude de reunión trasladada hai xa mes e medio". O desentendemento é tal, denuncia o comité, que "nin sequera nos contou unha escusa para non pórse en contacto con nós".

Persoal facendo servizos para outros concellos

A este respecto, o comité advirte que o servizo empeora cada día até o punto de que hai persoal da contrata de Santiago "facendo servizos para outros concellos". Unha cuestión que o comité considera intolerábel cando se está a falar dunha concesión pública que se paga cos cartos de todas e todos os santiagueses.

Así, explican que hai persoal de Urbaser Santiago que se encarga tamén do arranxo da maquinaria do Concello de Ames e do Pino, que se están ocupando das tarefas de baleirado de contedores do punto limpo de Ames e, o que consideran moito máis grave, que incluso se levou un camión a Burela "para facerlle un favor aos compañeiros de Urbaser".

Todos estes servizos, denuncian, desenvólvense dentro da xornada laboral de Santiago, polo que teñen unha repercusión directa no servizo que se presta na cidade. "A día de hoxe non sae unha soa varredora porque están sen arranxar e para realizar a recollida, os traballadores e traballadoras temos que facer malabarismos por mor das avarías e do mal estado da maquinaria". A todo isto súmase que a escaseza de persoal provoca que se deixe a periferia do Concello sen varreduras de xeito habitual.

Dende o comité apuntan que os operarios/as de Urbaser "traballamos todos os días da semana, cos descansos legais que corresponden, e os sábados estamos a recoller tamén o cartón porque a empresa encargada dese servizo non traballa".

Por todas estas razóns, o comité reclama do Concello de Santiago que "tome en serio a limpeza da cidade, tanto polo benestar dos veciños e veciñas, como polos turistas que nos visitan. Pois non hai que esquecer que somos unha cidade que ten no turismo a súa principal fonte de ingreso".