O comité de Urbaser rexeita as declaracións de Bugallo sobre a folga e pídelle que vele polo cumprimento dos pregos de condicións

Lembran que levan anos tentando sen éxito abordar a situación do servizo co Goberno municipal
Compostela - 08 Xul 2022

 O comité de Urbaser rexeita as declaracións públicas feitas polo alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, a respecto da convocatoria de folga no servizo da recollida de lixo a partir do vindeiro 18 de xullo. Unhas valoracións que consideran "manifestamente a favor da empresa", polo que lle piden respecto aos dereitos fundamentais das traballadoras e traballadores, así como que vele polo estrito cumprimento dos pregos de condicións.

Sobre as declaracións relativas ás demandas económicas da parte social, o comité lémbralle que o único que están reivindicando é manter o poder adquisitivo dos salarios, é dicir "pedimos subir os salarios o mesmo que soben os prezos dos combustíbeis, da electricidade e de todos os produtos básicos da cesta da compra". Neste senso, consideran sorprendente que ao alcalde de Santiago lle pareza suficiente o incremento do 2,5% para o persoal funcionario público e para as persoas xubiladas e pensionistas "cando realmente debería estar a favor do mantemento do poder adquisitivo deste colectivos".

O único que pedimos é subir os salarios o mesmo que soben os prezos dos combustíbeis, da electricidade e de todos os produtos básicos da cesta da compra"

Ao comité xéralle enorme perplexidade que Bugallo fale de aplicar o estado de emerxencia nas festas do apóstolo, cando o resto do ano lle dá igual a limpeza da cidade. "Temos claro que con esta medida ao alcalde só lle preocupa o turismo e non a veciñanza de Compostela, parece que só ve contedores cheos de lixo ou lixo fóra destes cando hai festas",critican.

Sobre as afirmacións do alcalde cualificando de "agresivas" as propostas salariais do persoal, o comité subliña "que o único agresivo que hai en toda esta situación é a proposta da empresa dunha suba do 0,75% para catro anos", cando o IPC do pasado ano rematou no 6,5%, a inflación xa acadou o pasado mes o 10% e prevese que siga incrementándose nos próximos meses. "Nós non somos nin os causantes nin os culpábeis desta suba desmesurada dos prezos", engaden.

O Concello leva anos sen escoitar o persoal

En todo caso, o comité demándalle ao rexedor do Concello de Santiago que se preocupe durante todo o ano pola prestación do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria e de que se cumpran escrupulosamente os pregos de condicións, pois coñece que Urbaser non respecta as condicións estabelecidas. "Só lle pedimos que mire polos intereses dos seus veciños e veciñas durante os catro anos de mandato, non polos intereses da empresa e do turismo que chega nas festas", reiteran.

Nesta liña, o comité lembra que a esta convocatoria se chega despois de máis dous anos intentando abordar a situación do servizo co propio alcalde, "sen termos resposta a día de hoxe". De feito, indican que foron os grupos da oposición quen se reuniron co comité e levaron varias preguntas ao pleno municipal sobre o estado da limpeza. "Preguntámonos que complicidades e beneficios pode estar sacando de mirar para outro lado e como consecuencia da súa ineptitude levar a toda a veciñanza a sufrer un servizo dunha baixísima calidade".

Finalmente, o comité pide comprensión e solidariedade á veciñanza e sinala que despois de varios anos intentos de buscar solucións "foron o Concello e Urbaser quen permanentemente se negaron a tomar medidas, non deixándonos outra alternativa que a convocatoria desta folga, da que son os únicos responsábeis".