O comité intercentros do persoal laboral da Xunta acorda a suspensión temporal das protestas nos centros de Política Social

Ante o agravamento da situación sanitaria e ao seren instalacións "especialmente sensíbeis"

Nacional -

O comité intercentros do persoal laboral da Xunta de Galiza vén de acordar a suspensión temporal das mobilizacións que desenvolven cada xoves dende hai meses diante dos centros de Política Social para reclamar a recuperación dos dereitos recortados en 2012. A decisión adóptase ante o agravamento da situación sanitaria e tendo en conta de que se trata de instalacións "especialmente sensíbeis".

A intención das centrais sindicais é retomar as protestas a partir do 17 de febreiro, unha vez rematada a vixencia das restricións, ao tempo que anuncian a súa intención de “impulsar novas accións combativas co fin de obrigar o Goberno galego a abrir unha mesa de negociación”. 

O persoal retomará as protestas unha vez rematen as actuais restricións

Neste senso, denuncian que a conselleira de Política Social, Fabiola García, segue a ignorar o seu persoal e négase a negociar as condicións de traballo “mentres pide máis esforzos insinuando unha relaxación nas medidas preventivas nos seus centros”.

Dende o sector de Autonómica da CIG-Administración tildan de “noxentas” as declaracións feitas pola conselleira na súa intervención durante unha visita á residencia de Leiro. “Con elas pretende culpabilizar o persoal do desastre na xestión das residencias, xa que non se informa dos protocolos nin se aplica correctamente un plan de continxencias”.

Na central teñen claro que se nos centros públicos se está a rexistrar unha incidencia menor de contaxios “é grazas ao esforzo e á vontade dos compañeiros/as que defenden o servizo por riba de todo, polo que as declaracións desta conselleira son vomitivas, e máis cando non aportou absolutamente ningunha mellora de condicións laborais ou materiais”.

Cinismo e oportunismo de Feijóo

Ao mesmo tempo, critican que o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, intentase desviar a súa responsabilidade cara ao Goberno central durante a súa comparecencia deste martes no Parlamento a petición do BNG para que dese conta das medidas para enfrontar a terceira ola. “Que agora lle pido ao Estado que as máscaras FPP2 sexan de uso obrigatorio non deixa de ser un claro exemplo da súa actitude cínica e oportunista, porque non hai que esquecer que seguen negándose a entregar máscaras ao persoal de residencias a pesar dos requirimentos Inspección de Traballo tras as denuncias presentadas pola CIG”.

Finalmente, dende a central amosan o seu apoio ás reivindicacións do persoal residencial de Política Social no sentido de demandar accións diferentes que se traduzan na mellora das condicións laborais. “Senón que obriguen a dimitir a esta conselleira, que restitúan os dereitos recortados no 2012 e que aumenten os medios materiais e o cadro persoal para enfrontar esta crise, xa que non hai que esquecer que os seus recortes supuxeron a diminución do cadro persoal en máis 700 contratos”.

Volver