Piden o rescate inmediato da concesión para evitar que Albada execute o seu fraudulento plan de recortes

Urbaser dá por decaído o convenio e vén de presentar un ERTE e unha modificación das condicións laborais
A Coruña - 20 Nov 2019

Os traballadores e as traballadoras de Albada (filial de Urbaser que xestiona a planta de tratamento de residuos urbanos de Nostián) volven estar en pé de guerra na defensa dos empregos, as condicións laborais e a viabilidade futura das instalacións. Nesta ocasión a empresa dá un paso máis nas chantaxes habituais cada vez que toca negociar o convenio colectivo ou falar da nova licitación do contrato, e formula un ataque total aos dereitos laborais: deixará de aplicar o convenio colectivo a partir de xaneiro de 2020, presenta un ERTE para 39 empregados/as e unha modificacións substancial das condicións de traballo para outras 35 persoas non afectadas pola regulación.

Diante deste ataque, o comité de Albada xa ten convocado un calendario de mobilizacións que comezará este venres, día 22, cunha concentración ás 11:00 horas na Praza de María Pita e que terá continuidade os días 29 e 5 de decembro. Ademais, de non haber solucións, os traballadores e traballadoras comezarán folga indefinida a partir do 8 de decembro.

Un programa que compromete a viabilidade das instalacións

Así o anunciaron hoxe nunha rolda de prensa na que reclamaron do Concello da Coruña que se poña á fronte deste conflito e proceda ao rescate inmediato e transitorio da concesión para evitar que o 1 de xaneiro Albada execute os seu programa. Un programa que, subliñou Hadrián Canosa, delegado da CIG no comité, supón un ataque non só ao emprego e aos dereitos laborais, senón que compromete a viabilidade futura da planta e do modelo Nostián.

Neste senso, denunciou que é a propia empresa quen, baixo a escusa de estar en situación de prórroga forzosa do contrato, xera as condicións para xustificar o ERTE e a modificación substancial das condicións de traballo, ao impedir a entrada dos camións do lixo do Consorcio das Mariñas nas instalacións a partir de xaneiro. Segundo os cálculos de Albada, o tratamento dos residuos procedentes dos concellos da comarca supoñen o 37% da actividade da planta.

Pero esta decisión unilateral de Albada é ilegal, constitúe unha fraude e un abuso de dereito, máxime cando dende o propio Consorcio trasladaron a súa intención de continuar levando o lixo para o seu tratamento en Nostián e o Concello da Coruña decretou a prórroga da concesión en tanto non se resolve o novo contrato. "Este proxecto ambiental sen o Consorcio das Mariñas non ten futuro", advertiu Canosa, ao tempo que denunciou que poñan os cartos públicos en mans de empresas como Urbaser, "que nin  tan sequera teñen a súa sede no noso país, que non teñen como obxectivo reciclar mellor, senón gañar máis e máis cartos".

Lembrou que os 20 anos de historia da planta están marcados pola conflitividade provocada por Urbaser, con ataques permanentes ao seu persoal e preiteando de seguido coa Administración local,  cando nin sequera logrou acadar as cotas de reciclaxe esixidas no prego de condicións. "Confirmando así que a xestión privada non mellora nada, se acaso empeora, a xestión pública. Por iso solicitamos do Concello da Coruña, non só que remate con isto senón tamén que se faga cargo de nós, que remunicipalice o servizo".

Nesta liña criticou ao anterior Goberno municipal por non deixar o prego rematado e ao actual Goberno do PSOE por "deixar pasar estes valiosísimos meses" sen avanzar nada na licitación do novo contrato.

Ataque a tres bandas: convenio, emprego e condicións

O "combinado" que formula Albada comeza por deixar de aplicar o convenio colectivo propio, ao entender que expirou a ultraactividade deste e que hai que pasar ao convenio colectivo de sector, o que repercutirá na perda de todos os dereitos pelexados e conquistados durante estes 20 anos polos traballadores/as. Xunto a isto, este pasado luns daba por iniciado o período de consultas para a aplicación dunha suspensión temporal de emprego, por causas organizativas e produtivas, que afecta a 39 persoas (previamente seleccionadas pola empresa) durante 24 meses.

Malia teren natureza diferente e seren procedementos distintos, Albada tamén pretende aproveitar as reunións do ERTE para  negociar unha modificación substancial das condicións laboral para outras 35 persoas non incluídas na regulación. E por se non fora abondo, a empresa deixará na rúa a uns 20 traballadores/as que estaban con contratos eventuais e a outras tantas persoas das empresas auxiliares.  

"A actuación da empresa neste proceso é clara: simulando os kamikazes nipóns na II Guerra Mundial, quere morrer matando e abofé que se llo permiten vaino facer. Primeiro cos traballadores e traballadoras, mostrando o seu máis absoluto desprezo por quen estivo durante todos estes anos xerándolle riqueza. Segundo, coa Administración local que lle confiou tal proxecto a unhas persoas que non souberon xestionalo e que o van entregar feito un solar. E terceiro, con toda a cidadanía da Coruña e dos concellos do Consorcio, que día tras día se esforzan por separar o lixo nas súas casas e que agora ven como este proxecto, que debera estar máis que consolidado, corre o risco certo de desaparecer", aseverou Hadrián Canosa.

Por iso, o representante da CIG fixo un chamamento á cidadanía a secundar as mobilizacións convocadas polo comité "porque este é un problema que nos afecta a todas e a todos, dunha ou doutra maneira".