O Concello da Coruña rectifica as instrucións que denegaban o permiso parental retribuído
O Concello da Coruña procedeu a rectificar as instrucións mediante as que se lle denegaba ao persoal municipal o carácter retribuído do permiso parental de oito semanas para o coidadode fillo, filla ou menor acollido. Dende a sección sindical amosan a súa satisfacción pola decisión adoptada despois de que a CIG revelase o que estaba a acontecer e denuncian a deescoordinación e a falta de xestión do Goberno local en materia de recursos humanos.
A CIG fixo público un comunicado no día de onte denunciando que as persoas traballadoras do Concello que reclamaban este dereito pactado pola vía da negociación colectiva recibían a negativa por resposta por parte do Servizo de Persoal. Pouco despois a sección sindical recibía unha chamada telefónica do concelleiro con competencias delegadas en materia de persoal, José Manuel Lage Tuñas, na que lles confirmou que o permiso parental retribuído vaise manter nos termos en que foron acordados coa representación legal das persoas traballadoras.
Se o concelleiro descoñecía as ordes e as instrucións, quen estaba ao tanto e mesmo propuxo que se deran?
O responsábel municipal asegurou que as ordes e instrucións que tanto o persoal municipal coma os delegados/as da sección sindical da CIG recibiron do Servizo de Persoal, relativas á denegación do carácter retribuído do permiso, non foron autorizadas nin eran coñecidas por el como concelleiro responsábel en materia de recursos humanos.
De xeito que estas ordes e instrucións, polas que ou ben se renunciaba mediante un correo electrónico ao carácter retribuído do permiso ou do contrario debía entenderse a solicitude do permiso denegada, non deben de terse en conta, “de forma que as solicitudes vanse conceder con carácter retribuído sempre que as necesidades do servizo o permitan”.
Malestar entre o persoal municipal
En consecuencia, dende a sección sindical da CIG amosan a súa satisfacción pola decisión adoptada polo Concello “ante esta situación de incerteza xerada de maneira totalmente innecesaria e que provocou un gran malestar entre o persoal municipal”. Porén, consideran que o acontecido amosa “a descoordinación e a falta de xestión” nun departamento “clave” na administración pública como os recursos humanos.
Neste senso, pregúntanse como pode ser que a persoa coas competencias delegadas en materia de persoal descoñeza que dende o Servizo de Persoal se dan instrucións relativas á limitación dun dereito recoñecido e negociado ás súas costas. “Se o concelleiro descoñecía as ordes e as instrucións, quen estaba ao tanto e mesmo propuxo que se deran?; pode alguén que non teña competencias delegadas na materia decidir sobre a concesión ou denegación dun dereito regulado e aprobado?”, rematan.