• Nova

O concurso de acredores necesario presentado a instancias da CIG e o persoal salva os postos de traballo do Gran Hotel de Lugo

Dende a central destacan que é o primeiro caso na provincia dun concurso destas características
A Coruña - 28 Set 2016
Logo de anos de turbulencias económicas e laborais, con axuizamento de propietarios incluído, o Gran Hotel de Lugo encamiña unha nova etapa tras a compra do emblemático edificio por parte dunha cadea hoteleira. Unha adquisición que se produce no contexto do concurso de acredores necesario solicitado en marzo do pasado ano, a instancias da CIG e os traballadores e traballadoras.

O proceso de venda definitiva do estabelecemento –para a que só falta que a nova propietaria deposite a fianza no xulgado do mercantil- contempla a subrogación do 100% do cadro de persoal actual e polo tanto garante o mantemento dos 25 empregos actuais.

“Non coñezo ningún outro caso na provincia na que os traballadores/as dunha empresa solicitaran un concurso de acredores para salvar os seus empregos e ter garantías de que van cobrar os salarios que se lles adebedan. O normal é que o concurso o solicite a propia empresa  para desfacerse do persoal e que sexa o Fogasa quen se faga cargo das débedas salariais”, apuntaba o Secretario Comarcal da CIG de Lugo-A Mariña, Antonio Niño, satisfeito co resultado deste longo proceso.

Niño explicou que a decisión de solicitar o concurso tomouse ante a crítica situación do hotel, sobre o que o banco estaba a piques de executar un embargo hipotecario. “Con esta medida pretendíamos sacar de diante a dirección, porque o único que facía era esquilmar os cartos”,  denunciou. Tras a aceptación do concurso, paralizouse a execución hipotecaria, a dirección foi apartada do seu cargo e púxose á fronte da empresa a administración concursal.

Desde ese momento, subliña Niño, “o persoal comezou a cobrar con normalidade os soldos”. Un feito que pode parecer simple, pero que supuxo toda unha novidade para un cadro de persoal que levaba preto de catro anos sufrindo continuados atrasos e impagos, chegando nalgúns períodos a acumular até oito meses sen percibir as súas nóminas.

“Nestes momentos as traballadoras e traballadores teñen os salarios ao día, aínda que teñen pendentes as débedas anteriores ao concurso”, apunta. Unhas débedas que se espera poder solucionar agora coa venda do hotel.

Polo camiño, apunta o Secretario Comarcal da CIG, quedaron outros tantos traballadores/as, uns/has  vítimas de despedimentos e outros/as  que, cansos/as dunha situación laboral incerta e de non cobrar regularmente, decidiron solicitar a rescisión dos seus contratos pola vía xudicial.

Aínda así, 25 empregados e empregadas serán subrogadas á nova empresa e poderán manter o seu posto de traballo. A este respecto, o sindicalista agarda que a nova etapa non teña nada que ver co vivido nos anos anteriores.

Finalmente, Niño apunta que á raíz do concurso solicitado dende Lugo, tamén se deu saída á situación do hoteis que a empresa tiña en Ourense e Santiago (este último mercado pola mesma cadea que o de Lugo).