O conselleiro de Sanidade negocia fóra dos órganos lexítimos para politizar as reivindicacións dunha parte do colectivo médico
CIG-Saúde denuncia publicamente a gravísima deriva do conselleiro de Sanidade, que está a negociar condicións laborais dunha parte do persoal médico e facultativo fóra dos ámbitos de negociación legalmente constituídos, vulnerando o papel da Mesa Sectorial e utilizando as reivindicacións dun colectivo con fins exclusivamente políticos.
O acordo acadado coa convocatoria de folga duns sindicatos corporativos médicos supón un precedente moi perigoso: por primeira vez establécese un acordo de fin de folga cunha comisión de seguimento permanente, consolidando no tempo unha mesa ilexítima creada á marxe dos órganos de representación legalmente recoñecidos. Un feito sen precedentes que evidencia a vontade da Consellaría de substituír a negociación colectiva real por espazos creados “ad hoc” segundo os seus intereses políticos.
A CIG-Saúde leva anos reclamando na Mesa Sectorial a negociación das condicións nas que se aboa o Complemento de Produtividade Variábel (CPV) de todas as categorías profesionais que o perciben, así como a regulación homoxénea das libranzas e descansos. Unha reclamación histórica que segue sen abordar cuestións fundamentais como a inexistencia de libranza efectiva tras as gardas localizadas e o recoñecemento destas gardas como tempo de traballo efectivo.
Gardas localizadas
O propio acordo fala de avanzar na regulación dos descansos tras as gardas, mais continúa sen resolver unha das principais reivindicacións históricas de CIG-Saúde: a libranza efectiva das gardas localizadas, que seguen sen computar plenamente como xornada efectiva pese ás limitacións e dispoñibilidade permanente que supoñen para o persoal.
Ademais, este réxime de gardas localizadas dáse especialmente nos hospitais comarcais, precisamente os centros que o Partido Popular leva anos sometendo a unha política continuada de desmantelamento e perda de servizos. A Xunta deteriora as condicións laborais destes profesionais e despois utiliza a falta de persoal como escusa para reducir actividade, pechar servizos ou centralizar recursos nos grandes hospitais.
“Se realmente queren garantir a asistencia sanitaria nos hospitais comarcais, o primeiro que deberían facer é mellorar as condicións laborais e retributivas do persoal que sostén estes centros en condicións cada vez máis precarias”, asevera a secretaria nacional da CIG-Saúde, Ana Lestón.
Do mesmo xeito, a central sindical vén demandando reiteradamente a negociación das condicións laborais do persoal residente en formación de todas as categorías: salarios, descansos, xornada, dereitos laborais e condicións retributivas. “Reivindicacións que a Administración ignorou sistematicamente durante anos e que agora decide negociar exclusivamente cuns sindicatos médicos corporativos, non por vontade de resolver os problemas estruturais do sistema sanitario, senón por unha estratexia política perfectamente calculada”.
Uso político para confrontar co Ministerio
O propio primeiro punto do acordo evidencia esa intención política cando a Xunta asume como obxectivo “defender” perante o Ministerio de Sanidade un ámbito específico de negociación para médicos e facultativos, rompendo co modelo de negociación colectiva do conxunto do sistema sanitario público.
A Consellaría utiliza así as reivindicacións dun colectivo para confrontar co Ministerio de Sanidade e avanzar nun modelo corporativista que fragmenta ao persoal da sanidade pública, debilitando os espazos colectivos de negociación e rompendo a cohesión entre categorías profesionais.
Para CIG-Saúde resulta especialmente grave que cuestións que afectan ao conxunto do persoal sanitario, como o CPV, os descansos, as gardas ou as condicións do persoal residente, sexan agora negociadas de maneira parcial e excluínte, cando a central leva anos exixindo exactamente esas mesmas melloras para todas as categorías profesionais.
Ademais, o acordo reforza novamente a compatibilidade co exercicio profesional na sanidade privada, insistindo nun modelo que favorece os intereses privados en lugar de apostar decididamente pola dedicación e o fortalecemento da sanidade pública galega.
“Mentres faltan profesionais, medran as listas de espera e empeoran as condicións laborais no SERGAS, a Xunta continúa apostando por medidas que consolidan a privatización e alimentan a fuga de recursos cara á sanidade privada”, critica Lestón.
CIG-Saúde defenderá nos órganos lexítimos de negociación colectiva que todas as condicións laborais do persoal sanitario se negocien na Mesa Sectorial, con transparencia, con representación de todas as organizacións sindicais e con criterios de igualdade para todas as categorías profesionais, evitando fomentar desigualdades retributivas “que rematan fortalecendo as nóminas de quen máis cobra e deixando atrás a colectivos cada vez máis desfavorecidos que nalgúns casos chegan con dificultade ao SMI”.
“A sanidade pública facémola todas as persoas que traballamos nela e non pode ser utilizada como campo de batalla política nin as condicións laborais do persoal poden depender da capacidade de presión dun colectivo concreto ou da estratexia partidista do Goberno galego”, conclúe.