O futuro do traballo na (post) pandemia

Adrián Sotelo Valencia - 18 Mai 2020

A pandemia instalouse no remuíño da crise capitalista, tal e como atopou constituído o statu quo social, macroeconómico e ambiental do mundo: con serias e fondas desigualdades sociais históricas, unha división abismal de clases sociais, xéneros e razas

 A Covid-19 vai empeorar e precarizar o mundo do traballo e laboral. Unha vez que sexa controlada a pandemia lonxe de continuar as medidas sanitarias e as axudas alí onde as houbo, pola contra, o capitalismo terá que agudizar as súas condicións de explotación e de miseria para resarcir os empresarios das perdas que sufran -ou reclamen sufrir e que serían amplas- durante a contingencia. Hoteleiros, financieros, especuladores, comerciantes, industriais, gandeiros, exportadores e importadores, burócratas de nivel medio e superior, estarán reclamando, como xa o fan, "recuperar as súas perdas", aínda que obviamente nunca poñan nin un peso, nin as súas ganancias en xaque e as súas fortunas. Pola contra, o capitalismo do desastre (dixit Naomi Klein) -e a urxencia do COVID-19 é só un magnífico exemplo do anterior-, revela que en Estados Unidos só entre o 1 de xaneiro de 2020 e o 10 de abril de 2020, "34 dos 170 multimillonarios máis ricos do país aumentaron a súa riqueza en decenas de millóns de dólares e oito fixérono en máis de mil millóns de dólares" (Chuck Collins Omar Ocampo Sophia Paslaski, 'Billionaire Bonanza 2020: Wealth Windfalls, Tumbling, Taxes, and Pandemic Profiteers', Institute for Policy Studies, 23 de abril de 2020, dispoñíbel en: https://ips-dc.org/billionaire-bonanza-2020/, tradución nosa). En contraste, cifras oficiais do Departamento do Traballo dese país revelan que até finais de abril perderían os seus empregos arredor de 30 millóns de persoas supostamente por efectos da pandemia. Para completar o cadro noutros lugares como o Estado español o coronavirus rexistra unha perda de emprego no mes de abril de 283 mil novos parados e máis de medio millón de postos destruídos (Cf. Russia Today, 5 de maio de 2020). Iso sen mencionar os miles e miles de desempregados, denominados "informais" que viven e traballan na rúa sen perspectivas de atopar empregos que a OIT chama "decentes" e viven á súa sorte os estragos mortuorios da actual pandemia do coronavirus.

 Pola súa banda, os traballadores e as poboacións asalariadas non terán os mesmos beneficios nin prerrogativas que os sempre consentidos e subsidiados empresarios polos réximes capitalistas. Haberá, nalgúns lugares, axudas pasaxeiras como a chamada e publicitada "renda básica" que se orixina da plusvalía creada -produto á vez da explotación do traballo- que se redistribúe por mediación do Estado capitalista e se demanda preferentemente nos países europeos e en Estados Unidos e, en menor medida ou case nada, nos dependentes e subdesenvolvidos de América Latina e o Caribe.

 A pandemia instalouse no remuíño da crise capitalista, tal e como atopou constituído o statu quo social, macroeconómico e ambiental do mundo: con serias e fondas desigualdades sociais históricas, unha división abismal de clases sociais, xéneros e razas; intensos movementos migratorios; tendencias moi pronunciadas á desaceleración económica e á recesión; retoma das taxas de desemprego e caídas do emprego; intensos procesos de flexibilización e precarización do mundo laboral; contracción dos mercados e do comercio internacionais; caída media dos salarios reais e non só nominais que perciben os traballadores, e en moitos lugares, fortes procesos de represión e de contención dos movementos obreiros, campesiños, estudiantís e populares en varias rexións do mundo, nomeadamente en América Latina nos países máis represivos e xenocidas da rexión: Colombia, Honduras, Guatemala, Ecuador, Perú, Chile, Paraguai, Haití e Brasil, entre outros.

 O Covid-19 converteuse no pretexto -e engado- que lle caeu como anel ao dedo ao capital global, para xustificar o despedimento e/ou a baixa dos ingresos e dos salarios dos traballadores baixo o argumento do peche das empresas, aínda que moitas delas, como nas maquiladoras mexicanas que lindan coa fronteira de Estados Unidos, seguen a funcionar.

 Moitos autores veñen defendendo, sen fundamentos e horizonte certeiros, que unha vez superada a actual fase crítica da pandemia que atinxe a humanidade, necesariamente haberá cambios non soamente na orde social, económica e política, senón no mesmo "modelo de desenvolvemento neoliberal" para dar paso a unha sorte de retorno do chamado Welfare State que xurdiu e se estendeu, nalgúns países de Europa, durante o longo período posterior á Segunda Guerra Mundial, sen se ter instalado nin en Estados Unidos, nin moito menos nos países dependentes e subdesenvolvidos.

 O pano de fondo desta concepción ahistórica radica en concibir o capitalismo e o neoliberalismo coma se fosen dúas cuestións separadas, dous conceptos inconexos, sen entender que o capitalismo, como sistema económico de explotación e de dominación, cobre fases históricas que asumen formas autoritarias, liberais, conservadoras ou neoliberais, pero tendo como sustrato común ser un sistema de explotación xeneralizada da forza de traballo, organizado arredor -como demostrou Marx- da produción non só de mercadorías, senón de plusvalía; é dicir, de traballo excedente, que se apropia o capital e de ganancias que van directamente aos petos dos empresarios.

 Unha das verdades que o actual confinamento nas súas vivendas de máis da metade da poboación do planeta por efectos da expansión e ataque do coronavirus -e que fora desbotada polo pensamento burgués e conservador durante a época do capitalismo imperialista neoliberal- é a demostración empírica da forte evidencia respecto de que, a nivel mundial, o capitalismo, como un todo, non pode funcionar sen a forza de traballo do obreiro e a obreira como o motor esencial da produción da riqueza, do valor, da plusvalía e da ganancia empresarial. Adicionalmente que, malia a forte expansión do chamado e quimérico "capitalismo cognoscitivo" informático e dixital, que moitos supoñían que estaría substituíndo tanto a lei do valor/traballo como a mesma forza de traballo nos termos en que o formulou Marx, as teorías que denominamos da "fin do traballo", promovidas por autores marxistas e non marxistas como Gorz, Méda, Habermas, Offe, Stiglitz, Rifkin, entre tantos outros, foron completamente desmentidas pola realidade dun capitalismo que, no mellor dos casos, a súa taxa media de crecemento caerá entre -3% e -4% no período pospandémico e que deixará paso a unha crise estructural moito máis agresiva, fonda e permanente do modo capitalista de produción.

 A desesperación do gran capital e dos gobernos imperialistas por restableceren prematuramente o funcionamento das economías nas inmediacións ascensionais da infección mundial -a data de 5 de maio ascenden a máis de 2 millóns os infectados polo virus e calcúlanse 251 mil 947 falecidos en todo o mundo- con fin de frear a profundación da crise capitalista e a caída das taxas de rendabilidade en empresas de ramos como a aeronáutica, automotriz, electrónica e comercial, é un nítido indicador do chamado a berros a "reabrir" as fábricas de produción de mercadorías coa reincorporación dos traballadores e da súa forza de traballo ao proceso de explotación e de valorización do capital. E aquí o dilema para o traballador(a) común e corrente é: "Si non traballo, non como; e se me arrisco a traballar para comer e darlle á miña familia, expóñome a infectarme co virus e se cadra á morte".

 Deste xeito non é casual que a caída do sistema global sexa superior a todas as ocorridas anteriormente, incluíndo a gran depresión dos anos trinta do século pasado con epicentro xustamente nos Estados Unidos. Pero agora -debido á interconexión que fornecen internet, o Big Data, as tecnoloxías informáticas e a difusión dos feitos en tempo real a través das redes sociais e dos medios de comunicación- en todas as rexións, países e localidades do planeta afectando a millóns de seres humanos de xeito simultánea.

 O pretexto para que isto ocorra é un suposto rescate dos empregos (maioritariamente precarios) e dos ingresos dos traballadores que doutro xeito, sen a benevolencia do capital e do Estado, se perderían nun curto prazo, dadas as condicións institucionais de existencia e reprodución da sociedade burguesa capitalista sustentada na propiedade privada dos medios de produción, no dereito a explotar o traballo asalariado e a natureza en beneficio do capital; no deseño e expedición de leis, códigos e regulamentos encamiñados a garantir as devanditas condicións baixo o amparo da forzas represivas e persuasivas cando se fai necesaria a súa intervención. É neste contexto en que se estipulan as condicións para manter os contratos de traballo (cando os hai) en fábricas, empresas e oficinas (públicas ou privadas) se é que non se "desexa" perder o emprego e quedar desempregado.

 No capitalismo do desastre e depredador, a pandemia ofrece moitas oportunidades ao capital para profundar e estender o radio de acción da precariedade laboral como unha forma que asume a superexplotación do traballo nos países capitalistas avanzados, e que se converte nun mecanismo operativo articulado ao réxime produtor de plusvalía relativa que mantén a hexemonía no sistema de relacións e das formas de explotación do traballo (tema que desenvolvemos no noso libro Estados Unidos en un mundo en crisis. Geopolítica de la precariedad y la superexplotación del trabajo, Anthropos-Século XXI-CEIICH, México, 2019).

 Os agoireiros da "fin da historia" erraron rotundamente ao supoñer que chegara ao seu cimo o desenvolvemento do sistema capitalista global e a universalización da "democracia liberal" no mundo situando como "modelo ideal" o capitalismo occidental, xustamente o máis golpeado pola pandemia mundial e na que figura como o seu epicentro Estados Unidos que, xuntos, levaron ao desemprego a millóns de traballadores nos tres últimos meses.

 En parte debido a todo o anterior, é impensábel que a situación vaia mudar no período pospandemia pola simple inercia dos seus estragos sanitarios nas poboacións e na meirande parte dos países. Sen a presenza de poderosos movementos revolucionarios e dun suxeito histórico transformador que se propoña e se dea á tarefa de construír un novo sistema económico, social, cultural, político e ambiental completamente diferente e superior ao decadente modo de produción capitalista (até certo punto responsábel do xurdimento e expansión da infección e da crise crónica do sistema que minguou as súas débiles bases nas que se sustenta), é practicamente imposíbel concibir un cambio social fundamental e radical, é dicir, que vaia á raíz dos problemas, favorábel a todos os traballadores e á humanidade.

 O futuro do traballo na pospandemia non será outro que o determinado pola crise capitalista e a precipitada caída do seu sistema a escala global afectando practicamente a todas as categorías e profesións, xa de seu precarizadas e superexplotadas, que constitúen o mundo do traballo. Por iso, ante esta catástrofe sanitaria, social, económica, ambiental, financeira e laboral terán que ser os traballadores do agro e da cidade, homes e mulleres, campesiños e estudantes, empregados e desempregados, traballadoras domésticas e os chamados informais, organizados todos, os que terán que tomar as rendas dunha transformación profunda dun sistema capitalista caduco e corrupto que entrou nunha perigosa pendente histórica.

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 16 de maio de 2020]