O Hospital da Mariña queda dous meses sen traballadora social

A CIG-Saúde denuncia a situación e demanda ao SERGAS a cobertura inmediata desta categoría
Burela - 02 Xul 2019

O Hospital da Mariña queda dende o luns 1 de xullo e durante dous meses sen a única traballadora social que ten. CIG-Saúde advirte que durante os meses de xullo e agosto o hospital non disporá deste servizo ao non cubrir o SERGAS a ausencia da traballadora, “a pesares de existir persoas dispoñíbeis nas listas de contratación (autonómicas) para cubrir esta categoría profesional”.

A CIG-Saúde da Mariña subliña que a traballadora social leva adiante un labor “importante é fundamental “no ámbito sanitario para as persoas e a sociedade, aínda que moitas veces é pouco pouco coñecido e valorado.

Papel fundamental e imprescindíbel

O papel das traballadoras sociais, explican, “vai moi alén da burocracia. Son as xestoras dos casos sociosanitarios complexos" e o seu papel é o de "dar resposta a toda a problemática dos colectivos de maior vulnerabilidade". Por exemplo, estas profesionais fanse cargo "das persoas en situación de abandono nos hospitais" ou das que quedan en "situación de desprotección con grave risco para a súa integridade" física ou psíquica. Nestas situacións o papel destas traballadoras é tamén exercer de ponte coa Consellería de Política Social nun contexto, lembran, "de crecemento exponencial dos casos de emerxencia social nos últimos anos".

“Sería moi extenso mencionar todo o que fai un traballador social nun hospital, explican dende CIG-Saúde, pero algunhas das súas funcións destacadas son: detectar problemas socioeconómicos nos pacientes ingresados; realizar estudos socioeconómicos cando sexa necesario; detectar a problemática de pacientes chegados a urxencias a nivel social; procura de recursos na alta e coordinación con servizos sociais de zona; ou apoio ás familias das persoas ingresados en cuestións como a nova situación do paciente ou o asesoramento sobre os recursos e axudas que poden xestionar en relación a cuestións como a lei de dependencia, os trámites para solicitar a situación legal de discapacidade, incapacidade laboral e outros.

Poñer en valor este traballo

Nesta liña, insisten en que “os traballadores e as traballadoras sociais desempeñan un papel esencial e imprescindíbel e cómpre poñer en valor o seu traballo”. Por iso, a CIG-Saúde entende que coa decisión de non cubrir a  ausencia da traballadora social do Hospital, o SERGAS amosa por unha parte o desleixo cara a atención sociosanitaria na Mariña e doutra banda, o nulo recoñecemento por parte da administración ao traballo que desenvolven as equipas multidisciplinares tanto de Atención Primaria como de Atención Especializada.

“É prioritario que a administración sanitaria asuma o seu papel esencial e imprescindíbel e que incremente a dotación de traballadoras/es sociais no noso hospital (mínimo dúas profesionais), nos centros de saúde, e tamén na USM (Unidade de Saúde Mental) e o COF (Centro de Orientación Familiar), que non dispoñen destes/as profesionais como noutras áreas e distritos sanitarios da sanidade pública galega, volvendo a deixar en evidencia que para o PP a cidadanía da Mariña segue a ser de segunda, desta volta desde o punto de vista do traballo social”, conclúen.

Para rematar, a central nacionalista demanda ao SERGAS como medidas urxentes e a curto prazo para mellorar o traballo social na Mariña:

1.- Revisión de rateos e dotación de traballadores/as sociais na Atención Primaria. Rateos dun traballador/a social por centro de saúde.

2.- Dotación de profesionais en saúde mental e centro de orientación familiar.

3.- Revisión de rateos e dotación de traballo social na atención hospitalaria.

4.- Incluír a figura do traballo social nos equipos de valoración de atención temperá.