• Nova

O Metal da provincia da Coruña mantén a folga convocada para os días 7, 8, 9 e 28, 29 e 30 por un convenio digno

A patronal non acepta a suba salarial do 6,5% correspondente ao IPC de 2021
Nacional - 06 Xun 2022

A CIG-Industria fai un chamamento a todas as traballadoras e traballadores do sector do siderometal da provincia da Coruña a loitar e incrementar a participación nas xornadas de folga e mobilizacións convocadas para os días 7, 8, 9 e 28, 29 e 30 de xuño, logo de que as 15:00 horas de hoxe se dera por rematada a xuntanza da mesa de negociación do convenio sen chegar a un acordo.

Segundo explica Eduardo Caamaño, voceiro da CIG-industria na mesa do convenio, a representación social tiña dúas liñas vermellas: a subrogación e a suba salarial co IPC de 2021. Respecto do tema da subrogación “estarían dispostos a entrar en ela sen poñer limitacións ao número de traballadores da empresa principal”, sinala.

Porén, no que respecta á suba salarial mantense a discrepancia respecto do ano 2021. “Nós exiximos que o 6,5% se leve a táboas. Pedimos o 0,5% para 2020 e o 6,5% para 2021. Estariamos dispostos a entrar no tema da revisión salarial ao cuce pero sempre que ese 6,5% estivera en táboas”.

O que ofrece a patronal é un 3,5% para 2021, que poderían subir ao 6,5% a partir de xullo en atrasos, pero sen ir a táboas. Por iso non se acadou un acordo.

En todo caso, a representación de CIG-Industria manifesta a súa dispoñibilidade para seguir negociando pero mantendo as mobilizacións previstas para presionar á patronal e conseguir unhas condicións salariais que permitan ás traballadoras e traballadores do sector facer fronte á carestía da vida.

No convenio do Metal sempre se fixo revisión ao cruce que significa que se se aproba unha suba salarial para un ano cando o IPC dese mesmo ano vai subindo e supera a porcentaxe de suba salarial acordada xa xera atrasos que serían o total de cómo quede o IPC a final de ano.

Caamaño recoñece que “movemento fixeron” pero non o suficiente para que se pechara un acordo. Por iso insiste na necesidade de que haxa unha resposta contundente por parte das traballadoras e traballadores do sector que posibilite acadar un convenio digno e con dereitos.

Así as cousas están previstos piquetes, como nas xornadas anteriores, en todas as comarcas.