O persoal da conserveira Thenaisie mobilizarase se non se acepta unha oferta de compra que garanta o emprego

Este xoves manterá unha reunión coa administradora financeira e cun inversor interesado na adquisición

O Grove -

O cadro de persoal da conserveira Thenaisie Provote, con centros de traballo no Grove e en Mos, anunciou hoxe que convocará mobilizacións no caso de que a administradora financeira e os asesores da empresa non acepten unha proposta de compra que garanta o emprego.

Segundo explicou hoxe Rosa Abuín, da FGAMT-CIG, na rolda de prensa celebrada diante da compañía no Grove, nestes momentos hai dúas ofertas de compra enriba da mesa, unha dunha compañía propiedade dun empresario galego, con capital galego e coa dirección en Galiza, e outra dun grupo catalán, con dirección en Catalunya.

“No segundo caso vemos dúbidas e incertezas, sobre todo nos prazos de reinicio da actividade, mentres que a oferta do inversor galego sería para comezar a traballar en canto se fixese efectiva a compra”. Neste senso, Abuín precisou que como a empresa se acolleu á lei concursal, as negociación de venda as están a levar a cabo tanto os asesores da empresa -o despacho de avogados Garrigues- como a directora financeira.

Ao mesmo tempo, explicou que este xoves manterán unha nova xuntanza co comprador galego e coa directora financeira da empresa para coñecer o proxecto máis polo miúdo e trasladarlles a necesaria inmediatez para pechar a operación, xa que, segundo sinalou, cada día que pasa a empresa está máis deteriorada. “Non imos consentir que a empresa vaia á liquidación, sobre todo tendo en conta que existe unha oferta dun empresario galego cun proxecto sólido; por iso non entendemos que se están a poñer atrancos a esta opción”.

Por iso adiantou que o cadro de persoal non descarta iniciar mobilizacións xa que “non é de recibo que o despacho Garrigues estea a obstaculizar o proceso non entrando a valorar sequera as ofertas que hai enriba da mesa; está claro que o que lle interesa que o concurso vaia para adiante, que é onde teñen o negocio”.

125 empregos no Grove e Mos

Nesta liña, indicou que “o que estamos a ver é que as compañeiras/os están a traballar na actualidade para pagarlle a todos/as eses/as asesores/as e aos administradores/as concursais, que tamén están a poñer trabas incluso para reunirse con nós”. Polo tanto, no caso de que “non se reconduza a situación” convocarán protestas. “Porque estamos a ver que hai ofertas que pretenden deixar sen efecto ás ofertas reais para chegar á liquidación e logo adquirir a empresa o máis barata posíbel”.

Finalmente, incidiu en que existe unha oportunidade de que se materialice unha proposta que garantiría o mantemento dos 125 empregos nos centros de traballo do Grove e Mos, “e non podemos deixala pasar; queremos que a estabilidade do emprego sexa un factor primordial no proceso”. Así que no caso de que na xuntanza que terá lugar mañá en Vigo ás 12:00 horas non reciban “unha resposta satisfactoria” optarán por convocar protestas este mesmo venres.

Volver