• Nova

O persoal da CRTVG mobilízase contra os despedimentos e pola consolidación do emprego temporal

Teñen en marcha un calendario que inclúe varias xornadas de folga na radio e a tele públicas
Nacional - 12 Abr 2022

O persoal da CRTVG ten en marcha un calendario de mobilizacións para reclamar a redución da temporalidade na radio e a televisión pública galega, consolidando todo o emprego desa natureza que permite a lei. Este martes houbo concentracións no edificio de San Marcos (Santiago) e nas delegacións territoriais, para os mércores 20 e 27 de abril está convocada folga parcial de media xornada, e haberá folga de 48 horas os días 1 e 2 de maio.

Tras da convocatoria destas mobilizacións, a empresa veuse na obriga de reabrir as negociacións que pechara de maneira unilateral a finais de marzo, mais nesta xuntanza non se produciron avances polo que o calendario continúa adiante.

As limitacións da lei, agravadas pola actitude da empresa

A sección sindical da CIG na CRTVG salienta que as posibilidades que ofrece a Lei 20/2021, de 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, "son limitadas". A propia CIG, apuntan, "expresamos o pasado mes de novembro as nosas obxeccións ao que considerábamos unha norma insuficiente e inxusta", que non dá resposta ás persoas vítimas do abuso da temporalidade.

Ademais, contempla o sistema do concurso de valoración de méritos unicamente para as prazas ocupadas con carácter temporal e ininterrompido con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2016, no canto dos tres anos a partir dos cales una relación laboral comeza a considerarse abusiva. Ao que hai que engadir o feito de que destes procesos de estabilización non pode derivarse, en ningún caso, incremento de gasto nin de efectivos.

Porén, a representación da CIG denuncia que estas limitacións na lexislación, vense agravadas na CRTVG porque as persoas xestoras "non están a aproveitar todas as posibilidades que a norma ofrece para dar solucións, negociadas coa representación sindical, ao grave problema da temporalidade abusiva na empresa".

Contratacións en precario

Deste xeito, critican que se negaron a cubrir as vacantes que a parte social leva anos reclamando con insistencia. "Se así o tivesen feito, para alén de contribuír á estabilidade no emprego de moito persoal temporal que hoxe segue a padecer unha contratación precaria, todas as vacantes da taxa de reposición do ano 2021 ofertadas (31) poderían ter cumprido o requisito para convocarse polo sistema de concurso de méritos", explica a sección sindical.

En segundo lugar, rexeitan que a CRTVG estea a facer unha interpretación restritiva da Lei 20/2021, non aceptando incluír nos procesos de estabilización prazas que cumpren os requisitos nela establecidos.

E xunto a isto, néganse a negociar a oferta de emprego público do ano 2022: 26 prazas vacantes, que poden verse incrementadas coas vacantes producidas no ano en curso, até a data de aprobación da oferta, para as convocar polo sistema de concurso-oposición conxuntamente coas vacantes da taxa de reposición do ano 2021 que non cumpran os requisitos para se convocar polo sistema do concurso de valoración de méritos.

Preto de 40 traballadoras/es en situación de incerteza

Como consecuencia, a CIG-CRTVG advirte que preto de 40 traballadoras e traballadores indefinidos "van ficar en situación de despedimento, para alén de que moitas máis compañeiras e compañeiros con contratación temporal de longa duración non van ter opción de consolidar os seus postos de traballo e tamén irán cesando a medida que vaian finalizando os seus contratos. Así é como a empresa planea deixar a taxa de emprego temporal en menos do 1%: con despedimentos".

Para evitalo, a asemblea xeral de traballadoras e traballadores acordou iniciar un calendario de mobilizacións durante os meses de abril e maio, que inclúe concentracións e varias xornadas de folga. Cómpre lembrar que a empresa pechou a mesa de negociacións "de xeito unilateral e anticipado o pasado 25 de marzo, cunha oferta de emprego insuficiente baseada nun borrador cuxo texto definitivo presenta importantes modificacións que a obrigan a rectificar".

Neste senso, lémbranlle á dirección do ente público que o que se reclama "é reducir a temporalidade consolidando todo o emprego desa natureza que  permite a lei. Estamos certos de que se a empresa tivese vontade, podería aplicar os instrumentos legais que xa ten na súa man para evitar calquera situación de despedimento que se puidera producir".