O persoal da lavandaría dos hospitais vigueses inicia mobilizacións por un convenio digno
Está a desenvolver concentracións todos os luns, mércores e venres diante do Álvaro Cunqueiro, do Meixoeiro e do Nicolás Peña
O cadro de persoal de Elis, concesionaria do servizo de lavandaría dos hospitais da área sanitaria de Vigo, comezou o pasado luns un calendario de mobilizacións para reclamar un convenio colectivo digno. As negociación están bloqueadas pola negativa da empresa a considerar como tempo efectivo de traballo os 20 minutos da pausa para o bocadillo.
As concentracións desenvólvense os luns, mércores e venres diante do Álvaro Cunqueiro de 10:00 a 11:00, do Meixioeiro de 11:00 a 12:00 e do Nicolás Peña de 12:00 a 13:00 horas, e dende o comité de empresa adiantan a posibilidade de convocar folga no caso de que a dirección insista en rexeitar a redución de xornada proposta pola parte social.
A principal demanda das persoas traballadoras de Elis pasa por equiparar as súas condicións laborais ás do persoal do Sergas, como acontece noutras contratas da área sanitaria como a da limpeza. Dende a CIG lembran que os salarios no servizo de lavandaría (case 70 persoas) e no de lencería (sobre 35 persoas) -que se encarga da recollida da roupa sucia e do reparto da limpa- son moi baixos, tendo que ser complementados nalgunhas categorías para non quedar por debaixo do SMI.
Con todo, insisten en que a principal diferenza coa empresa ten que ver coa súa negativa a considerar a pausa do bocadillo como tempo efectivo de traballo, o que permitiría reducir a xornada de traballo.