O persoal da piscina das Pontes mobilizarase para exixir o cobro da contías salariais pendentes dende xuño
O persoal da piscina municipal das Pontes iniciará un calendario de mobilizacións para reclamar o abono inmediato das cantidades que a anterior concesionaria do servizo, Serviplustotal, aínda ten pendente de abonar. Aproveitando que este sábado, día 15, hai mercado, ás 12:00 horas o persoal efectuará un reparto de follas informativas e despregará unha faixa reivindicativa.
A empresa deixou a concesión o pasado mes de xuño e neste momento aínda non pagou diferentes cantidades económicas correspondentes a esa mensualidade. Pero as varias xuntanzas co Concello das Pontes, que ten a responsabilidade última do servizo, non serviron “máis que para alongar este problema laboral” pois a día de hoxe “non temos nin resposta nin solución”.
A representación da CIG critica que esta situación parece non importarlle a quen ten a responsabilidade municipal de prestar un servizo de calidade, respectuoso coas persoas usuarias e coas persoas traballadoras. “E mentres as persoas traballadoras somos quen pagamos as consecuencias”.
Neste senso, lembran que durante o tempo que estivo no servizo, Serviplustotal incumpriu de maneira reiterada o convenio colectivo en materias como o pago dos salarios, a xornada laboral, os descansos semanais, o goce das vacacións e mesmo a entrega da roupa de traballo.
Agora, a empresa Serviplustotal está desaparecida e o Concello das Pontes, “novamente colocándose de perfil ante os problemas da persoas traballadoras dun servizo municipal que vén arrastrando infinitos problemas nos últimos anos pola propia incapacidade de xestión do goberno municipal”.
Diante desta situación de desleixo, o persoal da piscina municipal das Pontes acordou iniciar un calendario de mobilizacións, ademais das accións legais pertinentes na defensa dos seus dereitos.