• Nova

O persoal da planta de recollida e tratamento de lixo de Lousame irá á folga desde o 21 de decembro

Non houbo ningún avance na negociación do convenio por parte da empresa
Compostela - 12 Dec 2019

As traballadoras e traballadores da empresa de recollida e tratamento de lixo de Lousame acordaron en asemblea convocar folga desde o 21 de decembro até o 7 de xaneiro, aínda que teñen previsto reunirse novamente en asemblea o día 28 de decembro para avaliar a situación e decidir se continúan ou non.

Segundo explica o representante da CIG, Paulo Rubido, “malia a convocatoria dunha xornada de folga o pasado día 7 de decembro, a situación está exactamente igual”. Por iso as traballadoras e traballadores acordaron dar un paso máis diante do bloqueo da negociación do convenio que perciben por parte da empresa.

A convocatoria de folga afectará á recollida de lixo dos concellos da mancomunidade do Barbanza e adheridos, un total de nove, entre os que están Ames, Rois, Brión, Lousame, Noia, Muros, Carnota, Porto do Son e Pontecesures, e responde á negociación do convenio colectivo.

Plus de tóxicos

O que demandan é a inclusión, no convenio, dun plus de tóxicos do 25% para todos os traballadores e traballadoras que traballan no sector do lixo, cumpríndose así o que establece a norma legal. Sinalan que, deste xeito, os seus salarios achegaríanse aos do persoal da plantas de Sogama, que cobra un 45% máis, ou ao das traballadoras e traballadores da planta de Albada, onde cobran un 16-17% máis.

Ademais o persoal está disposto a aceptar que ese plus chegue ao 25% en tres ou catro anos, aplicado con carácter lineal. Iso traduciríase nun incremento salarial de 250€ o que significa que os salarios das traballadoras e traballadores da planta de Lousame non pasan de ser mileuristas

Neste sentido, Rubido salienta que nesta planta está aínda máis xustificado este plus, porque o contacto é máis directo, xa que nesta planta as traballadoras fan a separación manualmente o que fai que sexa a que ten mellor resultado do Estado español e sexa considerada a segunda mellor planta de recuperación e reciclaxe de Europa.

Agardan que a empresa reaccione e avance nas negociacións para que a folga non chegue a facerse efectiva, evitando así as consecuencias que unha folga de recollida de lixo ten para as veciñas e veciños dos concellos afectados.