O persoal da rede de centros culturais de Santiago exixe solucións e o abono inmediato dos seus salarios

Este xoves mobilizáronse diante do Concello, coincidindo coa celebración do pleno municipal
Santiago de Compostela - 26 Feb 2026

As traballadoras e traballadores da rede de centros socioculturais de Santiago de Compostela concentráronse estes xoves diante do Pazo de Raxoi para demandar respostas e solucións inminentes ante a complexa situación laboral e económica na que se atopan,  tras permanecer sen cobrar dende o mes de outubro e a decisión de suspender as actividades. Na protesta, que coincidiu coa celebración do pleno municipal, reclamouse tamén información concreta sobre o futuro do servizo .

Lembran que, por primeira vez en máis de 20 anos, o servizo de dinamización sociocultural da Rede de Centros Socioculturais do Concello de Santiago pechou as súas portas e as actividades quedaron en suspenso até novo aviso; mentres o persoal leva sen cobrar os seus salarios dende o mes de outubro “e asistindo como se non pasase nada ao noso posto de traballo”.

Critican que o lento proceso de elaboración dos pregos, con grandes dificultades para sacar o estudo económico adiante, agravou os problemas coa empresa concesionaria, ServiplusTotal,  “que levaba máis dun ano pagando as nóminas con atraso” e que dependía dos créditos bancarios para facer fronte aos seus gastos. Para máis complicación, unha vez adxudicado o concurso e asinado o contrato, a nova empresa “bótase atrás no último momento”.

“O 10 de febreiro, día no que Eulen tería que formalizar a súa entrada no servizo, tras comunicar o seu abandono da contrata, decídese, en Xunta de Goberno, o cese inmediato de Serviplus no servizo. A intención, é darlle alento ao persoal que, deste xeito, podería solicitar unha prestación por desemprego en canto non entrase unha nova empresa no servizo”, apunta a delegada de persoal, Carme Iglesias. O 12 de febreiro, o Goberno municipal de Compostela notifícalle á empresa adxudicataria do Lote I e IV, ServiplusTotal, o cese do contrato e, polo tanto, a suspensión de actividades.

Sen cobrar dende o mes de outubro

Destaca que, dende o mes de outubro, o Concello lle retivo “todas e cada unha das facturas” á concesionaria, “asegurando que esa retención tería como finalidade o cobro do persoal”.  Non obstante, “seguimos sen ver un peso e á espera de que Serviplus dea de baixa a todas as persoas traballadoras, coa negativa total a negociar un despido temporal ou extintivo, o que nos deixa de novo sen posibilidade de solicitar ningún tipo de prestación por desemprego e á espera de que se nos paguen as nóminas pertinentes”, denuncia Iglesias.

Anta esta dramática situación, as traballadoras e traballadores da rede de centros levan en folga dende o 16 de febreiro “intentando negociar unha saída coas empresas e co Goberno municipal que dea un pouco de esperanza, non só a nós, senón ao futuro do servizo”.

Neste senso, pregúntase por que aínda non se abonaron os salarios pendentes se o Concello retivo os cartos das nóminas e reivindica que de inmediato se proceda ao pago directo por parte da administración local.

“Este Goberno deixounos sen oportunidades reais, sen cobrar, sen empresa que nos asista, cun ano de dereito de subrogación que logo comezará a correr, sen saber se haberá empresa que colla o servizo ou non, e cun posíbel reinicio do  concurso se non aparece ningunha compañía que queira entrar”, advirte. Por iso, o persoal tamén pide respostas concretas e saber que medidas adoptará o Concello de non presentarse ningunha compañía. “Desmantelarase totalmente un servizo tan necesario ou, dunha vez, con valentía, iremos a unha xestión directa?”, inquiren.