O persoal das residencias privadas visibiliza a folga con concentracións diarias en centros de traballo

Reclaman un convenio que dignifique as súas condicións laborais e salariais
Nacional - 22 Mar 2022

As traballadoras e traballadores de residencias privadas da terceira idade e centros de día privados continúan adiante co calendario de mobilizacións no marco da folga indefinida convocada por CIG, CCOO e UGT en demanda dun convenio colectivo. Ante os abusivos servizos mínimos decretados pola Xunta do 100%, que na práctica imposibilitan o exercicio do dereito fundamental á folga, para darlle visibilidade á súa loita o persoal está realizando concentracións diarias en diferentes residencias de todo o país.

A convocatoria de folga indefinida iniciada o 17 de marzo chegou despois de dous anos con múltiples reunións de convenio e trala ruptura da mesa negociadora ante o inmobilismo da patronal, que se nega a dignificar as condicións dun persoal considerado esencial durante a pandemia. Por iso, nas protestas estanse denunciando as condicións de precariedade, tanto salariais coma laborais, na que o persoal ten que traballar, "con salarios miserentos, que en moito dos casos non chegan ao SMI".

Nesta liña, critican a "actitude ditatorial" dunha patronal, dominada polo grupo DomusVi, que "está a converter ás residencias en fábricas de precariedade. Son empresas que fan caixa a conta dos usuarios e usuarias, empobrecendo cada vez máis a calidade da atención que prestamos aos nosos e nosas maiores".

Ao tempo, rexeitan a actitude mantida en todo este tempo pola Xunta de Galiza, e nomeadamente a conselleira de Política Social, Fabiola García, que "saben da nefasta xestión que estas empresas están a realizar e miran para outro lado". Critican que a Xunta non exerza o labor inspector "e permita estas prácticas empresariais vergoñentas que mercantilizan e converten os coidados nun privilexio".

Cómpre lembrar que o persoal traballador das residencias privadas, maioritariamente mulleres,  leva dous anos sen convenio colectivo e sen o incremento salarial pactado, que tería que se corresponder co IPC e alcanzar, polo tanto, o 6,5%. E co agravante de que as empresas si comezaron a aplicar esa suba, que é duns 80€/mes, a cada persoa usuaria e que tamén a Xunta de Galiza incrementou nesa porcentaxe a cantidade que destina a estes centros.

Mobilizacións por todo o país

Para este mércores 23 hai convocadas concentracións en DomusVi de Outeiro de Rei, en Lugo, de 14:00 a 15:30 horas; e en Vigo, diante de Sanitas (rúa Conde, 6) ás 11:00 horas. Tamén unha caravana de vehículos con saída da explanada do edificio de sindicatos na Coruña (Avda, Alfonso Molina), ás 12:15h.

O xoves 24 haberá protestas na Fundación José Otero (Rúa Escultor Camilo Otero 2, Santiago) de 11:00 a 13:00 horas e en COGAMI (rúa Estrada, interior, Vigo), ás 10:00 horas. E Na Coruña haberá concentracións na residencia Padre Rubinos , ás 14:30 e  na residencia Concepción Arenal (Matogrande), ás 21:30h. Así como unha protesta en DomusVi de Pontevedra (rúa Doutor Loureiro Crespo 27) as 11:30 horas, coincidindo coa inauguración dunha nova residencia.