O persoal de Albada manifestarase para exixir garantías no emprego e a continuidade do modelo de reciclaxe de Nostián

O sábado 25 de maio, ás 12h, dende a Casa da Auga até o Pazo de María Pita
A Coruña - 21 Mai 2024

O comité da planta de tratamento de residuos de Nostián anunciou este martes a convocatoria dunha manifestación para o próximo sábado, 25 de maio, en resposta á falta de avances na publicación dos pregos da nova concesión e ante a incerteza sobre a continuidade da planta e dos empregos. A marcha sairá ás 12:00 hora da Casa da Auga (onde están as oficinas da Concellería de Medio Ambiente), irá até a Praza de Pontevedra, continuará pola rúa Juana de Vega até a Praza de Mina, e alí dende discorrerá polos Cantóns e a Avenida da Mariña até rematar na Praza de María Pita cunha concentración diante do Concello.

A decisión de convocar esta mobilización adoptouse despois das reunións mantidas co Concello da Coruña -que non aclarou cando se publicarán os pregos nin explicou os motivos deste continuo atraso- e co Consorcio das Mariñas -que xa ten anunciado que sacaría a licitación a recollida do lixo conxuntamente co tratamento, poñendo así en risco o futuro da planta-.

O presidente do comité, Hadrián Canosa, advertiu que esta situación de parálise do novo proxecto para a planta de reciclaxe, unido ao escurantismo "de como e con quen se pretende facer (con ou sen o Consorcio), pon en risco o actual modelo e, por tanto, tamén o medio ambiente e a continuidade dos postos de traballo".

Máis de 120 traballadores e traballadoras, engadiu Canosa, que se atopan nunha situación de precariedade laboral "e na  incerteza permanente de saber cal vai ser o seu futuro". Lembrou que a actual concesionaria, Albada (a UTE formada Babcock Kommunal Mbh SL e Tecmed SA), rematou o contrato o 31 de decembro de 2019 e dende entón segue prestando os servizos en precario á espera da nova licitación.

"Mentres tanto, a planta sofre un deterioro progresivo, cunha maquinaria obsoleta e  desgastada, cunha falta enorme de mantemento, tanto preventivo como correctivo, que fai que a reciclaxe estea moi lonxe do que se debera esperar". O estado "calamitoso" das instalacións e o deterioro das condicións laborais derivado da situación de prórroga forzosa teñen sido denunciados en reiteradas ocasións polo comité, sen que até o momento o Goberno municipal da Coruña reaccionara. E iso, a pesar de térense producido xa varios accidente laborais, o último -con carácter grave- hai tan só dúas semanas.

Seis anos agardando polos novos pregos

Durante a comparecencia, Hadrián Canosa lembrou que no ano 2018 o Goberno da Marea Atlántica xa comezara a traballar na redacción dos pregos municipais para a nova concesión. Cando entrou o PSOE en 2019, os traballos feitos pola anterior corporación non lle serviron e decidiu comezar de novo, mais rematou a lexislatura e os pregos estaban sen elaborar . "Na actualidade continúan a dicirnos o mesmo, e a pesar de estar no acordo de investidura ao que chegaron co BNG, os pregos non saen e tampouco son quen de aclarar o porqué do estancamento".

A este respecto, Canosa advertiu que a alternativa a Nostián é transportar todo o lixo á macroincineradora de Sogama, "co que se empeoraría o nivel de reciclaxe actual (Nostián recicla catro veces máis que a planta de Cerceda) e moi probabelmente comezarían a chegar sancións por parte da Unión Europea".

Fronte a este modelo de incineración, o comité defende o modelo da Coruña "máis respectuoso co medio ambiente, sobre todo se hai unha aposta decidida pola creación de compost de calidade. Algo que a día de hoxe é unha materia pendente".

As accións reivindicativas continuarán

Neste camiño, acordaron retomar as mobilizacións e convocar esta primeira manifestación, despois de ter contactado xa con colectivos veciñais e ecoloxistas para explicarlle como está a planta na actualidade, expor os problemas que suporía abandonar o modelo de reciclado e recuperación, informar da condicións nas que o persoal ten que realizar o seu traballo e pedirlles o apoio ás súas reivindicacións "pois son demandas que afectan a un servizo público que recibe e sufraga toda a cidadanía da Coruña e a súa área metropolitana".

O comité adiantou tamén que esta manifestación constitúe o inicio dunha serie de accións reivindicativas que se irán concretando nos vindeiros días, mais xa anunciaron que participarán no escano cidadá do pleno ordinario que terá lugar o 6 de xuño e que se realizarán unha serie de concentracións en María Pita.