A dirección de Albertia impide o dereito fundamental á folga ao impor uns servizos mínimos do 100%

O comité ten convocada folga pola readmisión de 6 traballadoras e que se respecten os dereitos laborais
Lugo - 30 Xun 2020

O comité da residencia de maiores de Albertia Servicios Sociosanitarios en Lugo (antiga Abeiro Gold) ten convocado un calendario de mobilizacións que inclúe folgas e concentracións para esixir a readmisión das seis traballadoras despedidas durante o estado de alarma, que se respecten os dereitos laborais do persoal e se cumpra co establecido no convenio colectivo.

As xornadas de folga terían que iniciarse este martes 30 de xuño e repetirse todos os martes até o mes de setembro. Porén, os abusivos servizos mínimos impostos pola dirección da residencia están impedindo na práctica que o persoal poida exercer o seu dereito fundamental á folga. Diante disto, o comité remitiulle onte ao persoal un escrito pedíndolle ás poucas compañeiras e compañeiros que podían secundar o paro (maiormente dos departamentos de administración, mantemento e traballo social) que acudiran aos seus postos, "porque non ten xeito que de preto de 100 persoas teñan que soportar o custe da folga só seis".

Neste senso, Carme Antas, da CIG-Servizos de Lugo-A Mariña, cualifica de "impresentábel" que nos departamentos máis numerosos (como xeros ou limpeza/lavandería) "a empresa faga traballar a máis persoal que en calquera outro día, e no resto de departamentos (cociña, enfermería e recepción) ao 100% do cadro de persoal".

Dende a representación social, engade, estase valorando xuridicamente recorrer estas abusivos servizos mínimos "pois vulneran dereitos fundamentais e impiden exercer o dereito fundamental de folga".

Concentración este mércores diante da Xunta

Non obstante, para visibilizar o conflito laboral, o comité convocou unha concentración para mañá, mércores 1 de xullo, ás 12 horas, diante do edificio multiusos da Xunta de Galiza en Lugo, para esixir a readmisión das seis compañeiras despedidas en pleno estado de alarma (cinco das cales se atopaban en situación de baixa médica), demandar do Goberno galego que interveña ante os abusos patronais e as represalias que se están a dar neste centro de traballo "e para que tome decisións políticas que revertan a privatización dos servizos sociais en Galiza".

Hai que lembrar que as traballadoras e traballadores deste residencia levan anos padecendo unhas condicións laborais cativas, reiterados incumprimentos do convenio colectivo, despedimentos arbitrarios ou persecución sindical. Situacións que se daban coa anterior empresa, Abeiro Gold -que ademais tiña unha guerra aberta contra da CIG por reclamar o cumprimento do convenio-, e que repiten coa nova xerencia.

De feito, os incumprimentos do convenio levaron a representación social a presentar no xulgado xa hai meses dúas demandas de conflito colectivo por modificacións substanciais das condicións laborais e denuncias na Inspección de Traballo pola imposición unilateral das carteleiras sen negociación co comité, sen respectar o carácter anual destas, incumprindo os descansos entre xornadas e os descansos semanais ou incluíndo quendas fixas que até entón se facían de maneira rotativa.

A finais de febreiro, o comité xa denunciara publicamente a situación laboral na residencia e demandara da Consellaría de Política Social un control estrito sobre como Albertia está prestando o servizo ás usuarias e usuarios, subindo cada vez máis os prezos mentres recorta en persoal e medios.