• Nova

O persoal de Axuda a Domicilio de Miño mobilizarase se o servizo se adxudica a Virxe do Carme

A empresa, que xa presta o servizo, incumpre de maneira sistemática o convenio e os pregos
Miño - 05 Dec 2019

As máis de 30 traballadoras do Servizo de Axuda a Domicilio do Concello de Miño están dispostas, e así se ratificou en asemblea, a iniciar mobilizacións se a adxudicación do contrato recae novamente na empresa Virxe do Carme SL. O persoal advirte que non vai permitir que unha empresa que incumpre e despreza as traballadoras sexa a encargada de prestar un servizo esencial para a comunidade como a atención no fogar.

Hai que subliñar que Virxe do Carme SL é a actual prestadora do SAD de Miño e nestes anos as denuncias polo incumprimento do convenio, tanto no relativo á cuestión salarial como no resto de condicións laborais e preventivas, foron continuadas.

A representación sindical, que ostenta a CIG, xa lle ten solicitado ao concello a apertura de expediente á empresa por incumprimentos constantes do prego de condicións do servizo, "solicitude que de momento non obtivo resposta satisfactoria por parte do Goberno municipal".

Conflito laboral continuo

Tendo en conta esta traxectoria, as traballadoras advirten que se Virxe do Carme volve resultar adxudicataria do servizo, isto suporía un continuo conflito laboral "que remataría máis cedo ou máis tarde repercutindo na calidade do servizo e polo tanto nos usuarios e usuarias. De chegarse a ese caso, o cadro de persoal non se sentiría responsábel pois leva tempo alertando desa posibilidade", subliñan.

Así mesmo, no caso de que esta empresa remate sendo a adxudicataria, a representación social solicitará do Concello que se adopten as medidas precisas para o estrito cumprimento das condicións establecidas nos pregos, e no caso de que así non se faga por parte do ente municipal, adoptarán as medidas de presión sindical necesarias para garantir o cumprimento da lexislación laboral.