• Nova

O persoal de Emafesa arranca as mobilizacións en demanda dun convenio digno

O Concello de Ferrol posúe o 51% do accionariado da empresa e Ubaser-Socamex o 49% restante
Ferrol - 19 Abr 2022

Os traballadores e as traballadoras de Emafesa (a empresa municipal de augas de Ferrol) comezaron este martes co calendario de mobilizacións en demanda dun convenio colectivo digno, ante as pretensións do socio privado da compañía (Urbaser-Socamex) de recortar dereitos, aplicar subas salariais desiguais e crear unha nova categoría para rebaixar as condicións laborais e económicas do persoal de nova incorporación.

Esta primeira pmobilización desenvolveuse diante da sede da empresa (na que o Concello de Ferrol ten o 51% do accionariado e Urbaser-Socamex o 49% restante), e teñen previsto protestar tamén coincidindo coa celebración do próximo pleno municipal, para demandar a implicación do Goberno local. Ademais, o comité xa adiantou que non descarta convocar folga indefinida no mes de maio se a empresa mantén as súas propostas inasumíbeis.

Neste senso, lembran que levan máis de dous anos negociando o novo convenio pero neste tempo non se produciron avances, até o punto de que as conversas están bloqueadas pola actitude da empresa. Sinalan que Emafesa lles propuxo unha modificación das categorías profesionais de maneira que ás máis altas lles subirían o salario un 10%, mentres que para o resto o incremento sería só do 2%.

Xunto a isto, propón a creación de categorías novas que terían como obxectivo que o persoal de nova incorporación o faga en peores condicións e con salarios máis baixos.

Ademais, a empresa pretende implantar un sistema retributivo ligado á produtividade e á antigüidade, que penaliza a aquelas persoas que levan menos tempo traballando e ás que collan licencias ou caian de baixa.