O persoal de Farmacia do CHUAC escenifica a "morte" deste servizo "clave para a actividade asistencial"

Reclaman a intervención inmediata da xerencia para garantir un funcionamento correcto e seguro
A Coruña - 11 Mai 2018

O persoal de Farmacia do CHUAC escenificou hoxe "a morte" deste servizo. Na mobilización convocada para este venres, traballadores e traballadoras concentráronse primeiro, e manifestáronse despois arredor do Hospital da Coruña, portando un cadaleito co que simbolizan o estado terminal do servizo de Farmacia a causa dos graves problemas asistenciais e de seguridade que se rexistran, mentres a xerencia "mira para outro lado".

Dende a Comisión de Centro do CHUAC subliñan que a Farmacia é un servizo central e estrutural, "clave para toda a actividade asistencial da área sanitaria da Coruña". Porén, explica María Seijo, presidenta do Comisión e secretaria comarcal da CIG-Saúde, existe unha falta alarmante de persoal para poder atender con eficiencia e garantías o enorme incremento da actividade que se produciu nos últimos anos neste servizo.

Denuncia que as cargas de traballo son tan elevadas “que, a pesares de que o persoal da Farmacia traballa a un ritmo frenético, a medicación diaria pautada as/aos doentes está a chegar ao seu destino até con máis de dúas horas de atraso”. Ademais, a falta de persoal técnico suficiente ocasiona que haxa fármacos mal envasados e/ou sen a identificación do número de lote e caducidade.

Seijo explica que tamén hai problemas xerados pola falta de almacenamento seguro, pois para poder atender as necesidades dos centros e servizos, a cantidade de fármacos que se reciben diariamente multiplicouse considerabelmente nos últimos tempos. "Non é infrecuente que queden até dun día para outro sen recepcionar, amoreados fóra da farmacia sen ningún control nin garantía de seguridade”, alerta.

Para reverter esta situación, acordouse iniciar un calendario de mobilizacións que se repetirá todos os venres do mes de maio e non se descarta a convocatoria de folga se a Xerencia continúa se atender as demandas do colectivo e sen achegar solucións que garantan o funcionamento correcto, eficiente e seguro deste servizo.