O persoal de FINSA en Galiza reclama un convenio que garanta condicións laborais dignas

Compostela - 22 Dec 2023

Traballadores e traballadoras de FINSA denuncian o bloqueo das negociacións do convenio por parte da empresa.  O convenio está caducado desde o ano 2009 e malia os intentos de chegar a un acordo só se avanzou no modelo de clasificación profesional nestes últimos anos. Delegados e delegadas iniciaron este xoves, día 21 de decembro, mobilizacións en Ourense que se estenderán polas demais fábricas de Galiza se non hai máis avances e se chega a un acordo.

Segundo explica o delegado da CIG Xurxo López, teñen uns calendarios de catro quendas que veñen desde os anos 80 e que inviabilizan calquera posibilidade de conciliación. Xunto a isto apunta que teñen outros calendarios de cinco quendas tamén do século pasado que “no período estival teñen unhas rotacións que non coinciden co período vacacional escolar, se tes crianzas, e cunhas rotacións que apenas permiten ver á familia ou sequera o sol, porque traballas 6 días e descansas un día e medio”.

Por iso a parte social reclama, entre outras cuestións, que o período vacacional coincida en época de verán.

López sinala que o que demandan é que “esa rotación en verán se suprima e que se busquen solucións”. Porén, até o de agora, todas as solucións que levou a parte social á mesa negociadora “foron rexeitadas pola empresa, so pretexto de que supoñen un custo adicional”, sinala, engadindo que “a empresa leva anos con récords históricos de beneficios que nunca repercuten na mellora das nosas condicións”.

Na última xuntanza solicitaron ademais unha actualización salarial do 4% que “xa consideramos que tira polo baixo e nin así a empresa aceptou. O que nos propón é o IPC que está a pouco máis dun 3% sen ter en conta o que subiron os alimentos, que son os nosos principais gastos e para chegar a ese 4% ofrecen metelo en variábeis, que non sabemos nin en que consiste”.

Outra das cuestións que demandan é a redución de xornada anual que leva desde 2009 sen variar. “O que solicitamos é unha redución en cómputo anual de 5 días en 2024; outros 5 en 2025 e 2 en 2026 para que daquela teñamos xornada de 35 horas semanais”.

Xurxo López subliña que a consecuencia deste calendarios de traballo “demenciais” se están producindo moitas baixas laborais porque “nin tes descansos nin case tes vida”.

Ademais a empresa o que propón para o calendario de 5 e 4 quendas é rebaixar os 21 días consecutivos que teñen agora mesmo recoñecidos en convenio como vacacións de verán a 14 días consecutivos, incluíndo neste cómputo fins de semana e festivos e máis 6 días que coincidirían cando saen da quenda de descanso longo. “Así claro que non lle ten custo á empresa, porque se xa estou no meu descanso, xa non son vacacións. O que queremos loxicamente é que as nosas vacacións sexan en período laboral”.

O delegado da CIG avanza que o sindicato non asinará ningunha proposta de convenio que supoña un empeoramento das condicións laborais ou salariais que recolle o actual que xa é “obsoleto de máis para os tempos que corren”.