O persoal de Intacta estudará as medidas a levar adiante contra as represalias da empresa

A subcontrata de Sogarisa nas Somozas cambiou ao convenio de residuos e non ao de químicas despois da folga, rebaixándolle ademais a categoría aos traballadores
As Somozas - 07 Xul 2026

O persoal de Intacta celebrará asembleas para decidir as medidas a levar a diante ante as represalias exercidas pola empresa logo da folga dos pasados 27 e 28 de xuño para demandar melloras laborais e salariais. A compañía (subcontrata de Sogarisa nas instalacións das Somozas) comunicou a semana pasada un cambio de convenio a todas as persoas traballadoras, que pasan así de estar reguladas polo convenio de enxeñarías ao convenio de residuos.

Hai que lembrar que o persoal fixo folga, entre outras razóns, para reclamar que se lles aplique o convenio estatal de químicas, tendo en conta o tipo de tarefas que realizan. Pero aproveitando o cambio de convenio, Intacta degradou a todas as persoas traballadoras que estaban como oficiais, pasándoas á categoría de especialistas no novo convenio. Esta mudanza non foi comunicada nin negociada coa representación do persoal antes da súa implantación. 

A CIG considera que o cambio de convenio foi unha represalia por ter convocado folga

Ademais, a comunicación formal chegoulles apenas 48 horas despois de efectivizarse as dúas xornadas de folga, polo que para a CIG este cambio constitúe unha clara represalia contra o persoal por secundar os paros e atreverse a reclamar os seus dereitos.

Neste contexto, nos próximos días celebraranse asembleas do persoal para decidir as medidas a levar adiante tanto a nivel sindical como pola vía xudicial ante este ataque aos dereitos das persoas traballadoras.