O persoal de Lidl Narón acorda suspender a folga ao conseguir abrir unha negociación coa empresa

Narón - 19 Mai 2023

O persoal do almacén de Lidl en Narón acordou suspender a folga iniciada o pasado 14 de febreiro tras conseguir, por fin, abrir unha negociación coa empresa. Deste xeito, o paro quedará en suspenso a partir do próximo luns 22 de maio, coincidindo co inicio das reunións para buscar solucións aos problemas laborais. A negociación coa empresa terá lugar ás 11 horas no propio centro de traballo de Narón.

Segundo o acordado na mediación celebrada onte no Consello Galego de Relacións Laborais, as partes reuniranse dous días á semana (luns e xoves) durante as dúas primeiras semanas e a partir de aí verase se cómpre estender as xuntanzas para concluír as negociacións. En todo caso, o persoal xa advirte que, de non producírense avances neste período, darase un prazo de graza de cinco días, momento no que se retomará á folga.

A CIG-Servizos lamenta que a actitude intransixente mantida por Lidl dende o inicio da folga e as prácticas vulneradoras deste dereito fundamental aplicadas pola empresa e agarda que a compañía acuda ás xuntanzas con verdadeira vontade de abordar os problemas laborais que se dan no almacén e achegar solucións ás reivindicacións sobre cuestións tan básicas como a xornada ou os descansos que o persoal leva anos denunciando.