• Nova

O persoal de limpeza da fábrica de San Cibrao cumpre 9 días en folga por un acordo digno

O paro rexistra un seguimento de máis do 90% pero Jofrasa segue sen trasladar unha proposta que permita rematar co conflito
Cervo - 09 Dec 2021

As traballadoras e os traballadores de Jofrasa (auxiliar que realiza a limpeza industrial en Alcoa San Cibrao) cumpren o noveno día en folga indefinida para esixir un acordo de empresa que regule as condicións laborais e contemple melloras retributivas e sociais acordes coa tarefas que desenvolven. A folga ten un seguimento de máis do 90% do persoal, xa que na principal só están entrando a traballar as persoas asignadas aos servizos mínimos.

Malia esta rotunda resposta do persoal, Jofrasa mantén unha postura inmobilista e non trasladou aínda unha nova proposta que permita avanzar nun acordo e rematar co conflito. Ao contrario, explica o responsábel da CIG-Servizos da Mariña, Xoán Díaz, a dirección convocou a representación social a unha xuntanza para o pasado martes "na que agardabamos que nos trouxera algunha oferta, mais o único que quería era retomar a negociación dos servizos mínimos".

Imposición de servizos mínimos

Sobre esta cuestión, lembra que a xurisprudencia é clara a respecto de que a limpeza nunha industria privada non pode ser considerada un servizo esencial e polo tanto "non cabe establecer servizos mínimos". "Na reunión, reafirmámonos en que só aceptaremos manter a actividade no servizo médico, dadas as circunstancias sanitarias nas que nos atopamos", sinala Díaz. Pola súa banda, a empresa limitouse a responder que imporá uns servizos mínimos integrados por catro traballadoras/as entre as 6 e ás 14 horas.

A representación do persoal agarda agora a que Jofrasa entregue as designacións de servizos mínimos "para presentar a correspondente denuncia na Inspección de Traballo". De igual xeito, Xoán Díaz adianta que tamén se poñerá en coñecemento da autoridade laboral as ampliacións de xornada que a empresa ordenou para as traballadoras e traballadores que prestan o servizo nas auxiliares de Alcoa (onde a folga ten un seguimento algo inferior) e que están acudindo a traballar. "Consideramos que esta medida é irregular e un intento da empresa de minimizar o impacto da folga", denuncia.

Xunto a isto, o representante da CIG critica a chantaxe da dirección que na reunión do martes puxo como condición a desconvocatoria da folga para chegar a un acordo transitorio e seguir negociando durante 2022, á espera do que aconteza en Alcoa. "Xa lle dixemos que non ten sentido condicionar as condicións de traballo no servizo de limpeza ás decisións que tome a multinacional, porque, con máis ou menos persoal, Jofrasa vai seguir prestando o servizo no complexo de San Cibrao e as traballadoras/as teñen dereito a ter condicións económicas e sociais dignas".

O convenio non recolle as condicións específicas da actividade

Cómpre lembrar que o persoal de Jofrasa está regulado polo convenio colectivo provincial de limpeza de edificios e locais, que non recolle as particularidades propias do servizo que se presta nas industrias. Pois ademais da limpeza de todas as instalacións de Alcoa, o persoal de Jofrasa tamén se encarga da limpeza de varios compoñentes do propio proceso produtivo e, froito dese tipo de traballos, téñense que establecer unha serie de reténs que son susceptíbeis de ser chamados en caso de necesidade da empresa principal. Este tipo de flexibilidade laboral non está recollida no convenio provincial da limpeza.

Logo de varios meses e varias reunións coa empresa, mesmo con pequenos avances en materia social, as negociacións están encalladas no económico. Un estancamento que non se entende cando a propia Jofrasa ten asumido acordos ou convenios de empresa cunhas condicións económicas moi superiores á que pon enriba da mesa para o persoal destinado en San Cibrao.