O persoal de limpeza de Correos continúa coa folga e as mobilizacións para demandar o cobro dos salarios

Nacional - 22 Set 2023

Traballadoras e traballadores do servizo de limpeza de Correos, que están en folga indefinida dende o pasado luns 4 de setembro, continuaron este mércores en Lugo co calendario de mobilizacións para reclamar o pago dos salarios pendentes e a rescisión inmediata do contrato coa actual concesionaria, JCórdoba.

O persoal desta concesionaria xa se vén mobilizando en toda Galiza desde hai meses para denunciar os continuos atrasos, que agora xa son impagos, e apunta como responsábel á dirección de Correos por presentar o concurso á baixa e aceptar a aínda máis baixa proposta desta empresa. 

As consecuencias de sacar un concurso infradotado e de permitir que unha empresa pirata como JCórdoba se faga con contratos públicos estanas pagando agora as traballadoras, que levan dous meses sen cobrar as súas nóminas, non recibiron a paga extra e están soportando incumprimentos laborais dende o primeiro momento.

Aínda que a folga ten un seguimento maioritario e as súas consecuencias son evidentes nas oficinas e unidades de Correos de todo o país, a empresa postal continúa negándose a recibir a representación sindical e a trasladar ningun tipo de información concreta. De feito, explica Xavier Torea, da CIG-Servizos, estes días volveron os rumores de que Correos iniciara o procedemento para a rescisión do contrato "pero non é a primeira vez que recibimos a noticia de que van arreglar o problema e despois Correos non fai nada. Non nos fiamos".

 Neste senso, chama a atención sobre os tempos que se precisan para facer o cambio, acusa a Correos de "exprimir ao máximo" as súas contratas e cuestiona o modelo de explotación laboral derivado da externalización dos servizos. Advirte que, se Correos pretende seguir licitando o contrato por debaixo do custe real do servizo, ningunha empresa solvente presentará oferta, tendo en conta ademais a débeda salarial xenerada agora por JCórdoba co persoal.

Manifestación en Pontevedra o 27 de setembro

Ante estas incertezas, as traballadoras e traballadores continuarán coa folga e o calendario de mobilizacións para exixir que se respecten os seus dereitos laborais e salariais. Así o próximo mércores, 27 de setembro, está convocada unha manifestación ás 11:30h en Pontevedra, que sairá da rúa Pasantería e rematará na Oficina Principal de Correos.

A seguinte mobilización será en Ourense e de non darse solucións reais levarase as asembleas de persoal a convocatoria dun novo calendario de protestas.