O persoal de Serclean que traballa nas instalacións de Inditex irá á folga en demanda de condicións dignas
O comité de Serclean decidiu por maioría convocar unha xornada de folga para tratar de desbloquear a negociación dun acordo para a mellora da condicións laborais e salariais do persoal que presta servizos de limpeza nos centros de Inditex na provincia da Coruña. Nomeadamente, os centros afectados polo paro son o almacén que a mercantil Pull and Bear ten no Polígono Industrial Río do Pozo (Narón) e o almacén loxístico de Inditex no Polígono Industrial da Laracha.
A representación do persoal leva meses de “negociación frustrada coa empresa”, cheos de momentos que cualifican de “esperpénticos máis propios dunha tira cómica que da vida real”. Neste senso, o secretario comarcal da CIG-Servizos, Francisco Cartelle, sinala que houbo que explicarlle á empresa o significado da palabra “negociación dende cero, posto que amosaban descoñecer as máis mínimas bases ao respecto, chegando incluso a terlles que explicar que nunha situación deste tipo ambas as partes han de ceder en aras dun achegamento de posturas, ou incluso explicarlles que é unha plataforma reivindicativa”.
Tras darlle un prazo de resposta á última proposta por parte do comité -que remataba o 12 de xuño-, a empresa decidiu “enterrar a cabeza baixo chan e dar a calada por resposta, e mentres o resto de contratas xa teñen moi avanzadas as negociacións dos seus acordos ou incluso rematadas, ao persoal de Serclean tócalle seguir aturando a situación de ser o único persoal que traballa para Inditex e non ten ningún pacto con melloras nas condicións laborais”.
Por todo isto, o comité acordou por maioría levar adiante esta convocatoria de folga para o luns 30 de xuño.