Traballadores/as de Servicarne claman en Ourense contra a explotación laboral en Coren

Falsos/as autónomos/as da cooperativa de traballo asociado trasladaron as súas protestas até a Subdelegación do Goberno
Ourense - 20 Mar 2017

Empregados/as de Servicarne -cooperativa de traballo asociado que presta servizo na empresa Frigolouro do Porriño, do grupo ourensán Coren- retomaron este sábado a loita contra a explotación laboral tras varios meses sen avances nas súas reivindicacións. Máis dun cento de traballadores/as e delegados/as sindicais da FGAMT-CIG, central que apoia as demandas destes/as falsos/as autónomos/as dependentes, desenvoveron unha concentración diante da Subdelegación do Goberno en Ourense este sábado.

Esta nova mobilización chega meses despois do intenso calendario de protestas desenvolvido para denunciar a explotación laboral reclamar unhas condicións de traballo dignas. A campaña reivindicativa incluíu varias xorndas de folga, manifestacións, asembleas, concentracións, reparto de información, denuncias na Inspección de Traballo e xestións institucionais para reclamar o apoio dos Concellos da zona e a intervención da Xunta no conflito laboral.

Con todo, segundo indican dende a FGAMT-CIG a problemática que denuncian os traballadores/as segue vixente na actualidade, “xa que dende entón apenas se produciron avances na mellora das súas condicións laborais, que son de verdadeira escravitude”. Nesta liña se expresou o secretario comarcal da federación en Ourense, Paulo Conde, durante a mobilización. O responsábel sindical cualificou de “infraumanas” as condicións laborais que padece o persoal de Servicarne e de “gran mentira” a denominación de cooperativa de traballo asociado.

Condicións laborais do século XIX

“Destas tres palabras a única que é verdade é o traballo, porque o demais é unha gran mentira que nos fai volver ás condicións laborais do século XIX: sen xornada laboral, sen salario certo, sen vacacións, con baixas laborais disfrazadas de enfermidades comúns, con ritmos de traballo infernais, sen indemnización por despedimento e sen poder sindicarse nin protestas baixo ameaza de sanción” enumerou. Segundo denunciou, estas situación está a provocar “mesmo desvanecementos de persoas no seu posto de traballo en Coren”.

Lembrou que Servicarne é unha cooperativa catalá, e que en Galiza existe unha lei propia de cooperativas “máis avanzada”que a de Catalunya e que no caso de aplicarse permitiría que os traballadores/as cobrasen o mesmo salario que o persoal dsa empresa usuaria. “Pero atopámonos con que a Xunta mira cara a outro lado e semella que o tema non vai con eles/as”. Diante disto, incidiu en que segue a ter todo o sentido o que a CIG reclama dende hai anos: un Marco Galego de Relacións Laborais e a competencia exclusiva en materia de traballo e saúde laboral.