As traballadoras/es de Sodexo que atenden os comedores de Inditex en Narón irá a folga para reclamar máis persoal

Narón - 16 Nov 2022

Os traballadores e as traballadoras que atenden os comedores que a multinacional Inditex posúe nas instalacións que ten no Polígono do Río do Pozo, en Narón, acordaron ir á folga para exixir un reforzo do cadro de persoal e poder así facer fronte á sobrecarga de traballo. Na asemblea, celebrada o pasado 10 de novembro, aprobouse convocar folga parcial de 12 a 15 horas os días 23 e 30 de novembro, e de non achegarse solucións por parte da empresa, os paros laborais continuarán os días 14 e 21 de decembro.

As traballadoras e os traballadores que prestan o servizo de comedor padecen unha grave situación laboral pola falta de persoal suficiente neste centro, o que está a provocar un exceso de carga de traballo e que teñan que realizar un sobreesforzo insoportábel.

O secretario comarcal da CIG-Servizos de Ferrol, Francisco Cartelle, denuncia que son os traballadores e as traballadoras quen están a pagar coa súa saúde "a tentativa de buscarlle a maior rendibilidade ao servizo por parte da empresa, algo que o persoal está disposto a combater de xeito decidido".

Á convocatoria de folga, que afecta á totalidade do cadro de persoal, chégase despois do esforzo realizado pola representación sindical para evitar o conflito, mantendo conversas coa empresa  para buscar solucións e presentando distintas propostas, que non foron atendidas por Sodexo.

Ante esta postura inmobilista, o persoal acordou iniciar folga e xa adiante que ampliará os días de paro no caso de que non se chegue a unha solución adecuada, que ten que pasar por un reforzo do cadro de persoal suficiente para garantir que o servizo de se poida prestar de xeito seguro para a saúde das traballadoras e traballadores.