O persoal do aeroporto Rosalía de Castro está en folga na defensa dos empregos e para reclamar carga de traballo
O persoal do aeroporto Rosalía de Castro está secundando este luns unha xornada de folga en rexeitamento ao ERE presentado por Ryanair e na defensa dos postos de traballo. A folga afecta a toda a xornada laboral do persoal de Azul Handling, compañía auxiliar de asistencia en terra de Ryanair, e de 12h a 15h para os traballadores e traballadoras do resto de empresas que prestan servizos nas instalacións aeroportuarias de Lavacolla.
Roberto Alonso, secretario comarcal da CIG-Servizos de Compostela, critica os excesivos servizos mínimos comunicados o pasado venres polo Ministerio, que en moitos casos chegan ao 100%, “impedindo na práctica que o persoal exerza o seu dereito fundamental”. Por iso, xa avanzou que a CIG vai recorrer o decreto de servizos mínimos por abusivos e vulnerar o dereito fundamental á folga.
Xunto a isto, informou que a central nacionalista tamén vai impugnar diante a Audiencia Nacional o ERE presentado por Azul Handling ao entender que non existen causas obxectivas e que se trata dunha fraude. O período de consultas rematou o pasado venres sen acordo e agárdase que a finais deste mes a empresa comece a comunicar os despedimentos.
A decisión de Ryanair de pechar a base de Santiago de Compostela suporá o despedimento directo de 79 persoas da súa auxiliar de terra e a redución de xornada ao 50% para outras seis, quedando unicamente un cadro de persoal integrado por arredor de 20 persoas. Pero ademais, advirte Alonso, a retirada da compañía aérea de baixo custe terá un efecto arrastre no resto de servizos e empresas, polo que non se descartan máis despedimentos.
Para o responsábel sindical, con esta medida Ryanair pretende pretende presionar as administracións públicas para que a sigan subvencionando e incrementar os seus millonarios beneficios a conta de explotar as persoas traballadoras e chantaxear ás administracións.