O persoal do Club Financieiro da Coruña continúa as mobilizacións para esixir o cobro dos salarios

A entidade está en concurso e sen posibilidade de continuar actividade
A Coruña - 14 Feb 2020

Traballadores e traballadoras do Club Financeiro Atlántico da Coruña continuaron este venres co calendario de mobilizacións para esixir que se respecten os seus dereitos, pedir a dimisión do presidente e da Xunta Directiva e que se lles abonen de inmediato os salarios adebedados, xa que levan dous meses sen recibir as súas nóminas e a empresa está sen liquidez e inmerso nun concurso de acredores sen posibilidade de continuar coa actividade.

"O Club está en pleno proceso de concurso de acredores, pero nós seguimos sen percibir os nosos soldos. Débennos dous meses e imos camiño de tres, porque non parece que o salario de febreiro vaia chegar tampouco", advertía Manuel Sóñora, delegado de persoal da CIG, durante a protesta. A este respecto, critica que non chegan os cartos para pagar as nóminas dos/as traballadores/as, "mais temos que seguir dando servizo nunha situación precaria e insostíbel, xa que non é posíbel facer as compras necesarias para manter a calidade dos servizos".

Sóñora explicou que aínda que esta situación "xa se vía vir, porque dende o mes de xuño o Club non paga aos provedores, á Seguridade Social, nin á Facenda, e dende decembro tampouco ao persoal, tardouse moito en solicitar o concurso e agora atópamos nunha situación caótica de todo, esperando a determinación de peche do xulgado do mercantil e sen posibilidade de ter viabilidade".

Despois de 30 anos, ao FOGASA

Así as cousas, os traballadores e traballadoras agardan, no marco do concurso, unha pronta resolución da súa incerta situación laboral, que se lle abonen as débedas salariais e, cando menos, poder acceder ao cobro da prestación por desemprego, "porque despois de 30 anos traballando para o Club tocaranos ir cobrar do FOGASA o que se poda e cando se poida".

Neste senso, Manuel Sóñora sinala que a maior parte dos 21 traballadores e das traballadores levan prestando servizo na entidade dende o seu inicio e contan cunha idade media de 55-60 anos, "coas dificultades que iso implica para reincorporarse ao mercado laboral".

Peche inminente

Sobre a falta de viabilidade do Club Financeiro Atlántico, a propia directiva comunicaba por carta esta semana aos/ás socios/as o peche próximo da entidade, pois entre outras cuestións, está pendente de desafiuzamento polo impago do alugueiro dos últimos cinco anos.

Diante desta situación, o persoal reclamou novamente a dimisión "dos responsábeis que provocaron que o Club Financeiro continuara facendo augas até hoxe. Se chegamos a este punto de non retorno foi porque só miraron polo seu propio beneficio, cunha xestión pésima dos recursos e sen investir no futuro da institución".