O persoal dos bingos irá á folga os días 1 e 2 de abril en demanda dun convenio digno

Nacional - 24 Mar 2023

Ante a parálise na negociación do convenio galego de empresas do xogo do bingo, a CIG e UGT teñen convocadas dúas xornadas de folga para os días 1 e 2 de abril, que atinxen a todo o sector, para reclamarlle á patronal  unha suba salarial digna que garanta o mantemento do poder adquisitivo.

Explican que o Goberno galego baixou as taxas que gravan o xogo do bingo do 50% ao 30%, o que implica "unha baixada do 40% en impostos que unicamente está a engordar os beneficios das empresas e non está a repercutir nos máis de 170 traballadores y traballadoras do sector". O persoal, apuntan, leva dous anos sufrindo unha inflación desbordada mentres ten o seu convenio colectivo conxelado.

Para ambas centrais sindicais, a proposta da ABIGA en materia salarial resulta insuficiente, xa que non permite recuperar o poder adquisitivo perdido nos dous últimos anos, nos que o IPC rematou no 6.5% e no 5.7%, respectivamente.

De feito, explica Adolfo Naya, secretario de Negociación Colectiva da CIG-Servizos, na última reunión a patronal ofertou 700 euros para 2021 e outros 700 euros para 2022 como pagas únicas non consolidábeis; e unha subida do 4% para 2023 sen revisión e do 1% para 2024 con revisión do IPC pero topado ao 4%.

Ademais da insuficiente suba, a patronal pretende eliminar o artigo que permite a constitución de seccións sindicais, "facendo un claro ataque á liberdade sindical".

Por este motivo, acordouse a convocatoria destas dúas xornadas de folga, que afectarán a todo o persoal dos bingos de toda Galiza regulados por este convenio, e fan un chamamento ás traballadoras e traballadores para que se mobilicen na defensa dun convenio colectivo digno.