O persoal dos centros de Política Social retoma as protestas pola recuperación de dereitos laborais

Desenvolveu concentracións por todo o país que terán continuidade os vindeiros xoves
Nacional - 14 Xan 2021

O persoal dos centros de atención directa dependentes da Consellaría de Política Social retomou hoxe as mobilizacións unha vez rematado o Nadal para reclamar a recuperación dos dereitos laborais recortados coa escusa da crise económica en 2012 e para esixir uns servizos de atención ás persoas 100% públicos e de calidade.

As concentracións tiveron lugar ás portas dos centros de traballo de todo o país, e dende as organizacións sindicais convocantes -CIG, CCOO, UGT e CSIF- xa comunicaron alomenos a celebración de dúas novas xornadas de protesta, que se desenvolverán os vindeiros xoves días 21 e 28 de xaneiro.

A de hoxe foi a mobilización número 25 dende que as empregadas/os dos centros de Política Social se decidisen a alzar a voz para reclamar os seus dereitos, atopándose sempre co nulo interese do departamento autonómico en atender a chamada ao diálogo e á negociación por parte das das centrais para rematar cun conflito laboral que se prolonga dende hai meses.