• Nova

O persoal dos centros socioculturais cumpre 13 xornadas de folga en defensa dos seus dereitos laborais

O Concello non informou as familias e xa houbo casos de crianzas que estiveron nos centros sen nada que facer ao estar o persoal en folga
Compostela - 15 Xul 2022

A CIG-Servizos quere denunciar a absoluta irresponsabilidade e a neglixencia coa que a está a actuar o Concello de Santiago no conflito da rede de centros socioculturais, tanto pola súa incapacidade para dar unha solución que garanta os dereitos do persoal, como polas consecuencias que o seu desleixo ten para as persoas usuarias.

Cómpre lembrar que ao longo dos últimos tres meses, o persoal desenvolveu xa 13 xornadas de folga para demandar das novas empresas (Serviplus, Nor’integra e Atlantic Ponte) que respecten o convenio colectivo propio e as condicións laborais, polas que as traballadoras e os traballadores tanto tiveron que pelexar no pasado.

Pero o Concello de Santiago, lonxe de facer cumprir a legalidade e garantir que se van respectar os dereitos laborais, ignora as reivindicacións do persoal e as necesidades da cidadanía. A tal punto que o Goberno local nin sequera lle comunicou ás familias que para onte xoves e para este venres estaba convocada unha nova xornada de folga e que polo tanto, o desenvolvemento dos  campamentos se podería ver afectado.

Neste senso, a CIG-Servizos denuncia que se está pretendendo substituír as traballadoras e traballadores en folga por persoal de conserxería (o que constituiría unha cesión ilegal) e por persoal municipal, que non debe contar para a ratio nestes casos, nin é función súa atender a conciliación de verán. "E toda esta ilegalidade instada desde o propio Concello, sendo o propio concelleiro Javier Fernández quen, coa súa comitiva de policía local e nacional, se presentou onte nos centros para convencer as familias de que entrasen, a pesar de que non houbese persoal profesional e especializado para a atención a menores".

Este burdo intento de ocultar o conflito derivou en que unha cativa tivera que pasar na mañá do xoves dúas horas sentada nunha cadeira no centro de Santa Marta, xa que se suspendera a actividade á que viña porque o persoal secundou a folga. Dende o Concello non se advertiu a familia desta circunstancia, polo que a nena estivo dúas horas nunha sala acompañada por unha funcionaria, sen nada que facer.

Para a CIG-Servizos resulta gravísimo este proceder do Goberno municipal, que prefire deixar abandonadas ás crianzas antes que darlle solucións ás lexítimas reivindicacións das traballadoras e dos traballadores. O persoal dos centros socioculturais pide desculpas e comprensión ás familias polos trastornos que lle poida causar a folga, que continuará de maneira alterna ao longo de todo o mes de xullo, mais tamén anima ás usuarias e usuarios a demandar responsabilidades ao Concello pola súa manifesta incapacidade de xestión.

O comité denunciará calquera intento de esquirolaxe

Así mesmo, o persoal advirte que porá en coñecemento da autoridade laboral calquera actuación que atente contra o dereito fundamental á folga, pois "sabemos que dende o Concello se instou a empresa Serviplus a facer novas contratacións para cubrir as ratios, así como sabemos que o persoal municipal intentará cubrir os postos que queden libres, algo totalmente ilegal". Subliñan que nin novas contratacións, nin persoal municipal, nin voluntariado, nin monitorado en prácticas pode cubrir o posto do persoal que exerce o seu dereito á folga. "Supervisaremos centro por centro para impedilo e denunciar alí onde sexa preciso", reiteran.

O colectivo engade a súa firme disposición a loita e continuar coa folga, mais tamén amosa a disposición a sentar e falar para resolver o conflito. Unha disposición que por agora non tivo resposta nin no Concello nin nas empresas.

Así as cousas, o persoal continúa este venres en folga e para visibilizar a súa loita están repartindo folletos informativos nos centros de Vite, Santa Marta e Pontepedriña para explicar os motivos da folga e as súas demandas. Na sesión do pleno municipal deste venres tamén se tratarán varias preguntas sobre este conflito.

Campamentos en precario

Sobre a xestión das actividades de verán, as traballadoras e os traballadores alertan que dende que se iniciaron o pasado 1 de xullo, nos campamentos municipais hai constantes cambios de horarios, redución de horas e cambios de centros do persoal, e mesmo falta material para realizar as programacións presentadas.

"A xestión está sendo un auténtico desastre, coma sempre, salvado polo traballo de uxieres, monitorado e animadores/as, bibliotecarios/as e informáticos/as. O persoal que salvamos este servizo, pese á mala xestión, somos sempre nós, quen menos cobramos, quen estamos na corda frouxa cada dous anos, sen saber se imos ser subrogadas/os ou non, quen pedimos a aplicación dun convenio que é noso e non nos queren respectar", salientan.

As traballadoras e traballadores responsabilizan directamente desta situación ao Goberno municipal de Santiago mais tamén ás empresas Serviplus, Nor’integra e Atlantic Ponte, por falta de vontade de negociación.