O persoal dos museos científicos da Coruña apraza a folga tras lograr compromisos do Concello

A modificación das condicións de licitación do servizo garantiría os dereitos salariais e de xornada
A Coruña - 18 Mai 2017

Despois de varias reunións, a última o martes 16 de maio, o Concello da Coruña comprometeuse a alterar os pregos de condicións da licitación pública do servizo de mantemento dos museos científicos (Casa das Ciencias. Aquarium e Domus) para garantir os dereitos, tanto de xornada como salariais, polos que leva loitando durante anos o persoal destes servizos. Diante desta nova situación, a asemblea de traballadores/as acordou suspender as xornadas de folga previstas para os días 17 e 18 de maio, así como a manifestación convocada para a tarde deste xoves.

O prezo da licitación, segundo explica a delegada de persoal, elevarase para adecualo aos dereitos e salarios das e dos traballadores que neste momento xa teñen sentenzas firmes a favor. Así mesmo, o Concello asegurou que ía incluír unha cláusula de reequilibrio para corrixir o prezo inicial no caso de que se vaian producindo novas sentenzas.

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento tamén se comprometeu a engadir unha cláusula aos pregos que impida calquera pacto posterior por parte da empresa concesionaria para reducir os salarios ou dereitos dos/as traballadores/as, situación esta que aconteceu coa empresa saínte (SAMYL).

Desde a CIG-Servizos da Coruña valóranse estes compromisos como satisfactorios, a pesar de non entender "como se puido tardar tanto tempo en entrar en razón e prolongar, así, a e incerteza sobre o futuro dos postos de traballo. Entendemos que estas modificacións facilitarán a concorrencia de empresas serias ao concurso e, en consecuencia, aprazamos as medidas de protesta á espera de que se formalicen por escrito todos estes compromisos".