O persoal laboral da Xunta pide a mediación da Valedora ante a actitude de Política Social

Malia levar máis de 30 semanas de mobilizacións a Consellaría segue a ignoralos

Nacional -

O Comité Intercentros do persoal laboral da Xunta de Galiza, presentou esta mañá na Valedora do Pobo un escrito explicando a súa situación e solicitando da institución que inste á conselleira de Política Social, Fabiola Martínez, a chamar ao comité para negociar as súas demandas.

Tras do rexistro do escrito, o presidente do comité intercentros, Manuel Gallardo Canitrot, lembrou que desde a aprobación da Lei de medidas no ano 2012, que supuxo a suspensión de diferentes artigos do V Convenio Colectivo Único, “o persoal laboral da Consellería de Política Social, está obrigado a traballar a quendas de luns a domingo, sen compensación algunha, isto é, que traballa os festivos e os domingos sen a compensación do 75% do domingo ou festivo traballado”.

Canitrot denunciou que isto, “non só supón a gratuidade do servizo deses días, que en calquera empresa se gratifica, senón que supón unha diminución das plantillas, que fan que se traballe case sempre a mínimos”. Xunto a isto apuntou que nin sequera se garante a libranza de dous días ininterrompidos.

Máis de 30 semanas de mobilizacións

O presidente do comité intercentros explicou ademais que acordaron recorrer á Valedora porque despois de manter cada xoves concentracións diante dos centros de traballo en todo o país, así como diante do Edificio Administrativo da Xunta, en Santiago de Compostela, sede da Consellería, desde hai máis de trinta semanas “a conselleira de Política Social está a demostrar que non ten intención ningunha de ter en conta as peticións do seu persoal”.

Fronte á actitude da conselleira Gallardo Canitrot salientou a actitude do persoal. “En plena Pandemia por COVID-19, o persoal de Política Social mantivo a súa profesionalidade e dedicación, o que facilitou que os centros públicos estiveran libres de contaxio”. Cuestión que, apuntou, “non sucedeu cos centros privados”.

Neste sentido lembrou que o persoal tivo que ir a traballar mesmo aos centros intervidos pola Xunta e concluíu que, por iso, “cremos que todo o que o persoal exixe é de xustiza”.

O comité intercentros agarda agora que a Valedora do Pobo atenda a súe solicitude de mediación e inste á Conselleira de Política Social, Fabiola Martinez, a chamar ao Comité Intercentros, como representantes dos traballadores e traballadoras, para atender e negociar as súas demandas.

Volver