O persoal médico das urxencias hospitalarias galegas concéntrase ante o silencio da Consellería ás súas demandas

Nacional - 26 Xan 2026

O persoal médico dos servizos de urxencias de diversos hospitais públicos de Galiza concentrouse este mediodía ás portas dos centros hospitalarios para esixir a mellora das súas condicións laborais, ante a falta de resposta da Consellería de Sanidade ás súas demandas.

Esta mobilización dá continuidade ás concentracións realizadas o pasado 19 de xaneiro, tras comprobar que non houbo avances nin vontade de diálogo por parte da administración autonómica.

CIG-Saúde, que apoia e participou das protestas, denuncia esta situación e esixe a apertura inmediata dunha negociación real para actualizar o acordo que regula as condicións laborais do persoal médico de Urxencias, denunciando xornadas excesivas, sobrecarga asistencial, falta de descansos e un déficit estrutural de profesionais.

Desde o sindicato lembran que estas condicións afectan directamente á saúde laboral do persoal e á calidade da atención sanitaria que recibe a cidadanía, e advirten de que as mobilizacións continuarán mentres a Consellería siga ignorando as reivindicacións do colectivo.

CIG-Saúde da Coruña expón a situación da área sanitaria ao BNG

Doutra banda, a CIG-Saúde da Coruña mantivo un encontro o pasado venres cunha representación do BNG para analizar a situación dos servizos dos servizos sanitarios na área sanitaria A Coruña-Cee, facendo especial fincapé na falta de persoal, as listas de espera, a sobrecarga asistencial e as condicións laborais dos e das profesionais do sector.

A CIG-Saúde advertiu que estas deficiencias están a afectar de maneira directa á calidade da atención que recibe a veciñanza da área sanitaria.

A formación nacionalista comprometeuse a trasladar as demandas recollidas durante a reunión ás institucións correspondentes e a continuar traballando en colaboración co sindicato en defensa da sanidade pública.