O presidente da mesa electoral de PLEXUS censura unha convocatoria da CIG

A central sindical anunciaba unha asemblea para informar ás traballadoras/es do proceso
Compostela - 24 Abr 2019

A CIG-TIC tiña convocada para este mércores, día 23 de abril, unha asemblea na sede da central sindical en Compostela, para informar ás traballadoras e traballadores de PLEXUS sobre o proceso electoral no que está inmersa a empresa. Denuncia que, porén, o Presidente da Mesa Electoral, que é o Xerente comercial de PLEXUS, decidiu non remitir a convocatoria.

Renato Núñez, da CIG-Banca de Compostela, lembra que na constitución da mesa electoral, formulou a solicitude de que se remitira un correo electrónico convocando aos traballadores e traballadoras de Plexus a esa asemblea. Solicitude que foi aceptada por todos os membros da mesa e os representantes de CCOO e UGT. “Coa fin de que o cadro de persoal tivera marxe para coñecer a convocatoria, ás 16:17 horas remitín o texto, cuxo acuse de recibo é das 16:18 horas”, asegura.

Núñez afirma que, porén, ás 18:54 horas o presidente da mesa chamou telefonicamente para afirmar que entendía que o texto debería recibir a ratificación de todos os membros da mesa pois consideraba que excedía do acordado e que non se reunirían até o día seguinte ás 9:00 horas. “Ante iso argumentei que o envío da convocatoria xa fora acordada pola mañá e que, polo tanto, non necesitaba ratificación, que se consideraba que o texto proposto se excedía do acordado, e co fin de axilizar o envío da información, debería remitir simplemente o texto da imaxe”.

Porén, o presidente da mesa non o fixo. Levou igualmente a ratificación da convocatoria de asemblea a unha reunión da Mesa Electoral e, finalmente, limitouse a enviar, ás 11:00 horas, un texto no que nin sequera se indica o número da rúa onde está ubicada a sede da CIG. Un dato relevante xa que na mesma rúa tamén está a sede de CCOO e UGT.

Convocatoria non enviada

Na convocatoria non enviada recollíase a hora, lugar e motivo da asemblea. Sinalábase ademais que a CIG-TIC, sector no que se encadra o conxunto de traballadores e traballadoras do sector das Tecnoloxías da Información e Comunicación da CIG, medrou de xeito exponencial nos últimos catro anos. Pasou de ser a terceira forza sindical en número de representantes, con pouco menos de 20 delegados/as no ano 2014, a ser a primeira forza sindical na Galiza, con máis de 80 representantes sindicais a finais de 2018.

Xunto a isto explicaban que para as/os representantes do sector este grande incremento débese ao modelo combativo da CIG, o traballo sindical diario de delegados/as e afiliados/as do sindicato nacionalista e ao funcionamento asembleario. Isto xunto cunha continua comunicación interna e posta en común de obxectivos entre os órganos da central sindical.

Os resultados deste xeito de funcionamento pódense comprobar nas eleccións sindicais celebradas periodicamente nas empresas do sector nas que acadamos grandes resultados, “a pesar de repetidos impedimentos para facermos lista electoral en certas empresas e/ou o descarado intento de favorecer a outras organizacións sindicais”.

Apuntaban ademais que en Bahía Software pasouse de 2 representantes dun comité de empresa de 5 delegados/as a acadar 6 membros/as do comité de empresa dun total de 9; en Dinahosting incrementouse un comité de 5 representantes da CIG a un comité de 9, tamén da CIG por completo; en Tecnocom, renovouse a maioría sindical nacionalista con 10 delegados/as dun comité de 17; en Indra Software Labs pasouse de non ter representación a conseguir a totalidade dos/as 13 membros/as do comité de empresa; en Grupo Satec a CIG ten 14 delegados/as de 14 posíbeis; na consultora Lidera acadamos hai 2 meses 5 representantes sindicais dos 5 que forman o comité.

Explicaban tamén que o traballo sindical da CIG-TIC “non se reduce a uns resultados electorais concretos”. Tamén é realizado por afiliados e afiliadas e mesmo simpatizantes sen afiliación que, sen representación formal, actúan en defensa dos compañeiros e compañeiras e dos seus intereses, “moitas veces ante a inoperancia e mesmo conivencia coa empresa doutras organizacións sindicais”.

En defensa dun convenio galego

A CIG-TIC salienta que a mobilización desenvolvida durante 4 anos a prol dun convenio TIC galego conseguiu abrir unha mesa de negociación entre as organización sindicais máis representativas e a patronal do sector, de xeito que xa se está a traballar con propostas concretas enriba da mesa para acadar un acordo que reflicta a verdadeira situación do sector na Galiza.

Como obxectivos márcanse agora “a loita diaria a prol da clase traballadora, para que se reflicta o verdadeiro valor aportado por esta no conxunto das empresas TIC; pular por incrementar a afiliación no sector, así como ir aumentando as empresas nas que os traballadores e traballadoras poidan exercitar o seu dereito á representatividade sindical”.