O secretario xeral da CIG chama a unha unidade sindical “verdadeira” en defensa do naval vigués

Centos de persoas percorreron as rúas da cidade en demanda de solucións para o sector

Vigo -

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, chamou hoxe a unha unidade sindical “verdadeira” en defensa do naval vigués ao remate da manifestación na que centos de persoas percorreron as rúas da cidade para reclamarlle aos Gobernos español e galego solucións que permitan superar a grave crise que atravesa o sector e que pon en risco a súa supervivencia.

Carril fixo fincapé en que a unidade sindical “verdadeira” é aquela que se constrúe loita a loita nos centros de traballo, “non na que nace nos despachos nin que vén a través dos medios de comunicación”. E detallou as reivindicacións concretas nas que a xuízo da central sindical debera basearse esa unidade de acción co resto de organizacións sindicais: paralizar o ERTE de Barreras, solución para Vulcano, readmisión dos despedidos, carga de traballo para o sector e un verdadeiro calendario de mobilizacións “que se prolongue no tempo e que inclúa as folgas necesarias para levar a diante estas demandas”.

Ao mesmo tempo, incidiu en que esta unidade sindical ten que reflectirse ademais na esixencia ás Administracións e á patronal. “Non pode ser que a mobilización lle sirva a algúns para vendernos despois nas mesas de negociación ou no chamado diálogo social, lexitimando os procesos de reconversión e desmantelamento como o que atravesa o naval vigués”, censurou.

E quixo darlle a benvida a esa unidade “aos que se deron conta agora”de que o sector naval de Vigo atravesa unha crise que pon en perigo a súa supervivencia. “Tedes sitio con nós na pancarta, e podedes axudarnos a facer real o que levamos anos reivindicando e reclamando”. Porque, segundo lembrou, a CIG, como historicamente vén facendo, “non vai equivocar os tiros nin os pasos a dar e non vai permitir que se cumpran os peores presaxios para o naval”.

Sexa como for, deixou moi claro que a aposta da central sindical por defender o sector non vai ter ningún límite na mobilización e na reivindicación “porque se trata dunha industria chave para a comarca e para o conxunto do país”.

Nula política industrial

Carril apuntou que ademais de demandar futuro industrial para o naval, coa mobilización de hoxe tamén se pretende denunciar “o terrorismo patronal e a represión sindical que están detrás do despedimento do compañeiro delegado da CIG en Barreras, Rafa Pérez”.

Tal e como advertiu, o futuro industrial de Vigo, como o de Galiza, está en xogo, polo que apelou á necesidade de seguir a mobilizarse para demandar viabilidade e carga de traballo o naval e para evitar que noutros sectores industriais, como o da automoción, a deslocalización, a precariedade e os despedimentos vaian en aumento. “Aquí ninguén está a salvo, tendo en conta a nula política industrial da Xunta, a inacción do Goberno estatal e o silencio cómplice do Concello de Vigo ante esta realidade”.

Cualificou a situación de “auténtico cóctel explosivo”: crise do naval que se estende a boa parte dos estaleiros, vixencia da reforma laboral e novas reformas antiobreiras en marcha e entrada en vigor do convenio provincial do metal.

Neste contexto, considera que non poden ser os consellos de administración das empresas os que decidan o futuro do sector naval, polo que demandou unha acción “clara, decidida e contundente” das Administracións públicas, “que para nós pasa por unha intervención pública directa” para que que Barreras “se desprivatice e volva á SEPI, de onde nunca debera ter saído”. Ademais, entende que os xestores pasados e presentes de Barreras teñen que dar conta nos xulgados “do roubo, do espolio e da delincuente xestión, pero tamén dos centos de despedimentos que nas auxiliares e na principal teñen causado”.

Mesa sobre o naval

Fronte a esta situación, a CIG leva meses reclamando unha saída galega xusta da crise e un Plan de Emprego e Industrialización, que para salvar o naval de Vigo pasa pola inmediata creación por parte das Administracións públicas dunha mesa para abordar a crise do sector que debera adoptar tres medidas urxentes:

-Unha solución estábel e duradeira para o estaleiro Barreras a través do proceso de retorno ao sector público. Recuperar a actividade nas instalacións de Vulcano, mantendo a concesión actual do Porto de Vigo para a construción e reparación naval.

-A conformación dun holding entre os distintos estaleiros, empresas auxiliares e empresas transformadoras do metal na ría de Vigo, con participación pública e privada, para proxectos conxuntos e investimentos comúns en tecnoloxía e I+D+i.

-Diversificación da oferta para aumentar a carga de traballo con contratos firmes para construír e despois un financiamento para desenvolver os proxectos, acompañado de beneficios fiscais.

O secretario xeral da CIG rematou o seu discurso dirixíndose á patronal, “e aos quen actúan ao seu servizo, incluso vestidos de buzo con espontáneos e radicais discursos”: co despedimento de Rafa “non nos van calar, non nos van amedrentar, non nos van intimidar, porque non lles temos medo”. E adiantou que a central sindical seguirá coas mobilizacións para esixir a readmisión do compañeiro e para demandar solucións que garantan o futuro do sector naval.

Volver