
O sector da limpeza da Coruña retomará as mobilizacións en resposta ao bloqueo patronal á negociación

As traballadoras e traballadores da limpeza da provincia da Coruña volverán encher as rúas coas emblemáticas fregonas amarelas para reclamar un convenio colectivo digno. Así o anunciaron en rolda de prensa esta mañá CIG e UGT, que denunciaron o bloqueo no que a patronal estatal ASPEL mantén a negociación colectiva dende hai meses e a negativa a garantir o mantemento do poder adquisitivo do persoal con incrementos acordes ao IPC.
O calendario de mobilizacións será abordado nas asembleas que se celebrarán nos próximos días en Ferrol, Santiago de Compostela e A Coruña e comezará xa na primeira semana de xuño. As protestas, avanzaron Paulo Rubido (voceiro da CIG-Servizos mesa de negociación) e Juan Carreira (secretario xeral de FeSMC-UGT Galicia) iranse intensificando paulatinamente até acadar “o convenio que o sector merece e demanda”.
Ambos representantes sindicais foron moi críticos coa actitude de ASPEL, a asociación patronal que agrupa ás grandes empresas do sector (como EULEN, CLECE, Lacera, Acciona, FCC, Samyl, Serveo, etc.), que pretende a conxelación salarial e consolidar a precariedade laboral. Salientaron que a pesar das diversas propostas trasladadas pola parte social, a patronal non se move “polo que non queda outra saída que volver á rúa”.
Denunciaron que esta postura de “non negociación” foi a mesma que ASPEL mantivo no convenio de Lugo e Ourense e que ten na mesa de negociación do convenio de Pontevedra. A este respecto, Rubido lembrou que nos últimos convenios non houbo unha soa negociación con paz social na provincia “porque con esta patronal non se dá esa posibilidade”. “Poderíamos estar en disposición de ter un preacordo coa patronal provincial, pero é ASPEL quen obstaculiza este entendemento”, por iso, advertiu, as mobilizacións centraranse nas empresas que integran esta asociación.
O convenio regula 10.000 persoas traballadoras
O convenio colectivo de limpeza de edificios e locais regula na provincia a unhas 10.000 persoas -o 80% delas mulleres-, rexistra unha elevadísima parcialidade, e uns salario que, “se a patronal teima nesta dinámica, pronto terán subas por debaixo do salario mínimo. E iso é algo que non imos consentir”, aseverou Carreira. Xunto a isto, salientou que a patronal nin sequera quere entrar a tratar unha demanda como o estabelecemento dun día de asuntos “que é unha reivindicación histórica do sector”.
Os representantes de CIG e UGT destacaron a capacidade de loita do sector, que nos últimos tres anos está moito máis organizado e sindicado. “As traballadoras da limpeza son conscientes de que para poder negociar condicións laborais e salariais dignas e poder asinar convenios colectivos decentes é necesario que exista presión sindical. E entendemos que iso vai ter un reflexo directo na participación nas mobilizacións”.
En palabras de Rubido “o movemento sindical das fregonas amarelas está máis forte que a última vez que saíu á rúa e ímolo demostrar”. Considera que esta forza permitirá avanzar melloras no conxunto do convenio, máis alá da negociación do incremento salarial para o ano 2025. “Este convenio tense que actualizar e atallar situacións moi precarias como a elevada parcialidade ou as consecuencias dos múltiples desprazamentos que as traballadoras teñen que realizar”.